Sobe a presión do Festival de Comparsas no Grove
Fecha: 2011-03-02
Os números:
12 comparsas no Entroido
9 en competición, 3 de fóra do Grove; 6 do Grove
1 en actuación estelar
2 máis no Entroido
2.000 persoas no pavillón
425 competindo
25 máis da comparsa estelar
1.500 de público e persoal
9 membros do xurado
5 horas de espectáculo
200.000 vatios de luz e son
9.000 euros de recadación
7.000 euros en premios
1.200 euros resto comparsas
15.000 euros de orzamento
Segundo o calendario establecido, onte quedou pechado o prazo para inscribirse no Festival de Comparsas do Grove, no que se vai chegar a unha cifra récord de participación, xa que serán nove as Comparsas en Concurso, e a actuación estelar dos Firrás, a máis enxebre das comparsas mecas, fóra de concurso.
Sen pasar polo pavillón, tamén estarán no Entroido meco a dos Groveiros, que ten incompatibilidade horaria profesional (moitos músicos con actuación ese día) co festival; e Os do Vimbio de San Vicente, que por ser o seu primeiro ano van facer rodaxe pola parroquia antes de saltar á competitividade. Ambas estarán na gravación do disco prevista para o sábado 12 de marzo.
Dese xeito as comparsas concursantes no Festival 2011 son: A Maraghota e Media, de Vilaxoán; Os Golfitos, de Vilanova e Os Trancheiros, de Vilagarcia; e as govenses As do 807; Os Garoulos; Os Güeros; Os Ultrasur; Os da Bayuca e As Plus. A organización rexeitou a inscrición de dúas comparsas do Morrazo e unha do Baixo Miño.
Nove comparsas en concurso, unha con actuación estelar e outras dúas fóra do pavillón pero actuando no Entroido do Grove, veremos pois unha ducia de comparsas este ano.
O Festival de Comparsas celébrase o sábado día 5, no pavillón de deportes, comezando ás 21 horas. A organización compromete a máxima puntualidade na hora de inicio. Para evitar demoras no acceso, as entradas xa se encontran á venda na Casa do Concello e na Librería Besada, polo que se aconsella adquirilas con tempo. Por razóns de aforo, o número de entradas postas á venda é limitado. As portas do pavillón serán abertas vinte minutos antes das nove da noite. A organización lembra que a entrada leva incluída un bono para o disco das Comparsas 2011, que se editará a finais de abril, ou pode ser canxeable no momento da adquisición por calquera disco dos anos anteriores, ata a fin de existencias.
Un ano máis, tanto a Televisión de Galicia como a canle televisiva Rías Baixas, interesáronse pola emisión deste Festival, polo que si vai ser gravación en directo e emisión en ambas as cadeas, labor que a Concellería de Cultura lle encomendou ao produtor Virvi Fraga, quen se responsabiliza do traballo de produción das imaxes. Ademais do intenso seguimento dos medios de comunicación de influencia na comarca do Salnés, varios programas de radio e televisións están gravando imaxes e entrevistas con membros de comparsas para faceren especiais deste Festival que nos pasados anos tivo unha ampla resonancia en toda Galicia. É o caso de As Plus, que serán obxecto dun especial da TVG.
O xurado, formado por tres grupos de tres membros en cada grupo, ten que avaliar tres categorías. A letra, a capacidade crítica; A música, o canto, os arranxos e a interpretación instrumental, e o vestiario e a representación. A suma de todos os votos dos tres grupos de xurados dará o resultado da comparsa gañadora da prezada Bandeira do Entroido do Grove 2011, e 1.110 euros.
O responsable da organización, o concelleiro de cultura Antón Mascato, aproveitou para manifestar que “aconsello a todos os participantes, sexan comparsas, foreiros ou público xeral, non adiantarse ao que pode pasar, porque nunca antes vin tanta proximidade na calidade das comparsas, estou convencido de que pode haber sorpresas. Creo que están enganados os que pensan que a Bandeira é cousa de dúas ou tres; hai moita competencia este ano, e máis calidade que nos anteriores”. O concelleiro recordou que xa nos dous últimos anos a diferenza nas votacións entre o primeiro e o segundo clasificados “foi de un e tres puntos, respectivamente, sobre un total de 80, polo que xa se viñan dando indicios desa tendencia”. Preguntado por nomes concretos non quixo “mollarse”, pero asegurou que a ninguén se lle escapa que “Os Güeros e A Bayuca son os gañadores dos anos anteriores e defenderán o seu nivel; que os Garoulos teñen fame de gañar, e van pelexar duro; e que tanto Os Ultrasur como As Plus xa viñan recortando distancias desde hai anos, e tamén xogan na liga das estrelas. De As do 807 e as de fóra, non teño coñecemento directo, só referencias, pero si sei que son boas, e que por esa banda tamén hai moito partido por xogar.”