Punto de información xuvenil e campaña do carné xove nos institutos
Fecha: 2013-09-27
A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello, unha vez máis, acércase aos mozos e mozas da vila. Neste caso trátase de achegar o Punto de Información Xuvenil aos institutos, durante os recreos, levando toda a información que lles poida interesar e aproveitando para tramitar o carné xove a aqueles estudantes que o queiran.
O carné xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición dos mozos e mozas de 12 a 30 anos, inclusive, cunha vixencia de dous anos, e coa que poden obter descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia (Renfe, Monbus), no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos ao programa do carné xove, agás excepcións propias de cada comunidade ou país. Estes bens e servizos abranguen todos os ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ensino etc. Os titulares deste carné tamén poden participar nos sorteos que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (actividades de neve, de verán viaxes de multi-aventura, cursos...).
Antes de instalar o noso Punto de Información Xuvenil, o estudantado do centros estará informado dous días antes, dos días que imos estar no seu centro para que veñan preparados coa documentación que teñen que presentar no caso de querer solicitar o carné xove (DNI e pagar 6 €; no caso dos menores de 14 anos, os seus pais ou titores teñen que asinar unha autorización).
A visita que está programada, por agora, é a do Instituto Monte da Vila para: o venres 27 e luns 30 de setembro e o martes, 1 de outubro. Nos vindeiros días programarase a mesma actividade para o IES As Bizocas.
O punto de Información Xuvenil instalarase durante o tempo que duren os dous recreos ou descansos do centro.
Recordamos que a Oficina de Información Xuvenil está na Casa azul (rúa Castelao, 173) e que atende o público todos os días de 9.00 a 14.00 h e os mércores tamén, favorecendo así aos que pola mañá non teñen indispoñibilidade para vir a facer as súas consultas, de 16.00 a 20.00 horas.