Exposición "Arte e Humor. O enxeño de Antonio Mingote"
Antonio Mingote foi moito máis que un debuxante de prensa. Foi Académico, escritor e pintor. Cronista da alma humana e cronógrafo do absurdo. En definitiva, un xenio. Na súa longa traxectoria profesional, asinou unha inxente obra de miles de debuxos, facendo gala dunha mestría gráfica que só os grandes artistas conseguen alcanzar.
Estamos ante unha mostra que nos convida a percorrer, con esa ironía fina e tenrura que lle caracterizaban, os grandes momentos da creación artística ao longo dos séculos. Esta exposición é unha recompilación de obras vinculadas a serie “Historia da Pintura” e representa un dos exercicios máis singulares de divulgación artística desde a perspectiva do debuxo humorístico. Mingote propúxose reinterpretar os estilos pictóricos máis relevantes —da arte rupestre á vangarda abstracta, pasando polo Románico, o Renacemento ou o Impresionismo—a través dunha parodia tan culta como divertida. En cada lámina, o visitante poderá recoñecer os acenos estéticos de cada movemento, pero tamén descubrirá chiscadelas aos prexuízos, modas ou desvaríos que acompañaron á historia da arte... e da humanidade.
A terra que inspirou a Castelao, Laxeiro ou Maruja Mallo ten unha relación profunda coa imaxe, coa sátira e coa sensibilidade popular. No pobo galego, onde a ironía é case un idioma propio, a obra de Mingote atopará, sen dúbida, un público cómplice, atento e agradecido.
Convidamos o visitante a percorrer esta exposición “ARTE E HUMOR. O enxeño de Antonio Mingote” con curiosidade, sen solemnidade, e cos ollos ben abertos ao enxeño. Porque se algo nos ensina Mingote, é que a arte —como o humor—serve para mirar o mundo con máis liberdade.
