Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A estudante Lucía Bagnasco Silva, gañadora do III Concurso de Relato Curto Concello do Grove

Fecha: 2014-03-18

 

  • Preto de trinta alumnos de secundaria participaron na terceira edición do concurso organizado pola Concellería de Educación

 

O relato Un doce final, da alumna Lucía Bagnasco Silva, é o gañador da terceira edición do Concurso de Relatos Curtos organizado polo Concello do Grove co obxectivo de fomentar a escritura creativa e o gusto pola lectura entre o alumnado dos centros de secundaria e bacharelato da localidade.

 

O premio para esta alumna de secundaria do IES Monte da Vila será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril; cen euros en cheques regalo para gastar en calquera dos establecementos do Centro Comercial Aberto De Tendas e un lote de libros. O premio entregarase o domingo 6 de abril, coincidindo cos actos de conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O premio da categoría de bacharelato queda deserto por decisión do xurado.

 

Esta é a terceira edición do concurso de relatos posto en marcha pola Concellería de Educación para conmemorar en abril o mes das letras e para fomentar a escritura e lectura entre o alumnado grovense. Nesta terceira convocatoria participaron preto de trinta alumnos.

 

Desde a Concellería de Educación resaltan a importancia de que o alumnado participe neste tipo de iniciativas, xa que permiten mellorar a súa linguaxe, a súa escrita e a súa creatividade. Asemade, agradecen nunha nova ocasión a colaboración da revista Sustansia, onde se publicarán os relatos gañadores. “É unha satisfacción para os estudantes veren publicados os seus relatos nunha revista que coñecen, que len e que ten unha importante difusión no noso concello. E así nolo transmiten as gañadoras das dúas primeiras edicións do concurso”, valoran desde a concellería. Alén diso, esta actividade tamén é unha oportunidade para seguir potenciando e dinamizando o comercio local, xa que ademais da publicación do relato, o premio en cada unha das categorías serán vales de 100 euros para cambiar en establecementos comerciais da localidade.

 

Na primeira edición do concurso a gañadora foi Beatriz Escribano de la Torre, co relato Primeiro día de traballo. Ademais da premiada, o xurado tamén destacou os relatos das alumnas Carme Domínguez Prol, con Relato dun recordo, e de Marta Díaz Álvarez, que presentou ao concurso O galo iniciou o canto. O ano pasado, o relato Un café distinto, da alumna Sara Santaya Prieto, gañou o concurso. Nesa edición tamén recibiu un áccesit Carme Domínguez Prol, polo seu relato Noite de soños.

 

6 de abril

Os premios do III Concurso de Relato Curto entregaranse o domingo 6 de abril na biblioteca municipal do Grove, ás 18.30 horas, coincidindo cos actos de conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil. A compañía Migallas Teatro porá en escena Merendas con pan de millo, un espectáculo dirixido a todos os públicos.