Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Prazas completas no obradoiro que Pepe Carreiro ofreceu o sábado dentro do programa 'As imaxes tamén contan'

Fecha: 2014-03-24

  

  • Preto de 150 persoas participaron neste programa, que se desenvolveu na biblioteca municipal entre febreiro e marzo

  • Organizado polas concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías

 

A biblioteca municipal do Grove acolleu durante a mañá do pasado sábado o último dos obradoiros incluídos no programa “As imaxes tamén contan”, posto en marcha polas concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías. De clausurar a actividade ocupouse Pepe Carreiro, escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas, cun obradoiro de ilustración. O obradoiro comezou ás 11.00 horas na biblioteca municipal, e as prazas completáronse.

Pepe Carreiro é humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada. Tamén é súa a serie Os Formigón (A Nosa Terra); a serie Os Pequenos Barbanzóns, en colaboración con Abraham Carreiro (Toxosoutos); e varios contos para as coleccións Contos do Miño (A Nosa Terra), Merlín (Xerais), Árbore (Galaxia) e A chalupa (Galaxia). Foi terceiro premio ex aequo con Xan González do Concurso Nacional O Facho de Cómics para nenos en 1980, por A illa dos carballos. No ano 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.

Con este obradoiro remata un programa que pretendeu achegarlles aos asistentes á experiencia real do debuxo e da ilustración; descubrir as posibilidades expresivas, significantes e comunicativas da imaxe; desenvolver a creatividade dos participantes; promover procesos de coñecemento da animación, mediante técnicas de debuxo e ferramentas tecnolóxicas; ou fomentar a compresión lectora por medio das imaxes e a lectura dos contidos. Esta iniciativa obtivo un importante respaldo por parte da cidadanía, xa que se cubriron a totalidade das prazas dispoñibles en cada obradoiro, permitindo que participasen no programa preto de 150 persoas.

Pola biblioteca municipal pasaron, ademais de Pepe Carreiro, Luis Davila, Mau e Pin –autores de Polo correo do vento- e Gogue.