Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

II Xornadas de Música Tradicional e II Concurso de Xoves Gaiteiros Solistas Concello do Grove

Fecha: 2014-03-28

 

 

Esta fin de semana a Asociación Cultural Cantodorxo, co patrocinio e colaboración da Concellería de Xuventude do Concello do Grove, dirixida por Alfredo Bea, vai desenvolver as II Xornadas de Música Tradicional e o II Concurso de Xoves Gaiteiros Solistas Concello do Grove, que vai ter lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

 

Xornadas

Concretamente, o sábado día 29 terán lugar as II Xornadas de Música tradicional, con obradoiros de gaita e percusión de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Estes obradoiros están dirixidos por Iván Costa (gaita) e Francisco Estevez, Chuco, (percusión). Os dous son grandes mestres no seu campo pois, ademais de teren participado en numerosos grupos folk e tradicionais, gravaron discos e imparten clases na ETRAD (Escola de musica tradicional e folk de Vigo), que é unha das referencias nesta materia á que tamén pertence a Orquestra Folk SonDeseu.

 

Para os obradoiros de gaita e percusión, que son de balde, hai xente inscrita de diferentes puntos de Galicia: O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Boiro, Santiago de Compostela, Verín, Moaña, Caldas de Reis...

 

Concurso

O concurso levarase a cabo o domingo 30 ao longo da maña e da tarde. Pola mañá, os concursantes teñen que interpretar, durante un máximo de tres minutos, unha peza obrigatoria para todos. A cita será ás 11.30 h na Casa da Cultura Manuel Lueiro. A peza obrigatoria escollida para a xornada da mañá é a Xota dos 28 puntos.

 

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, os concursantes, nesta quenda vestidos con vestiario galego tradicional, interpretarán unha peza tradicional de libre elección. Ao remate, os compoñentes do xurado, que son os dous mestres dos obradoiros (Ivan Costa e Francisco Estevez) mais Ramón Vazquez Acha, o Chilro, decidirán quen serán os gañadores dos premios do concurso, a saber:

1.º premio: 500 €

2.º premio: 300 €

3.º premio: 150 €

Premio ao mellor acompañamento: 100 €

 

As persoas inscritas no Concurso de Xoves Gaiteiros veñen desde Vilagarcía de Arousa, Verín, Lugo, O Incio, Pontevedra, Foz, Poio...

 

Cómpre salientar tamén que tanto as persoas inscritas nos obradoiros coma no concurso están a poñerse en contacto coa organización para felicitala, nomeadamente ao Concello do Grove e á Concellería de Xuventude, polo esforzo que supón organizar por segundo ano consecutivo este evento, pois nestes momentos de dificultade económica que estamos a pasar estas iniciativas que fomentan a nosa cultura tradicional están a quedar escasas e adoitan deixarse un pouco de lado.

 

Inscritos Concurso

Inscritos Percusión

Inscritos Gaita

 

Mestres obradoiros e xurado