O Concello e a ANPA Valle-Inclán organizan unha campaña de recollida de alimentos a favor de Cáritas
Fecha: 2014-03-31
- O sábado 12 de abril, as persoas que doen un quilo de comida poderán gozar dos xogos populares
O Concello do Grove e a ANPA do colexio Valle-Inclán unen esforzos para organizar o sábado 12 de abril unha campaña de recollida de alimentos a favor de Cáritas O Grove. Será en horario de mañá na praza do Corgo, diante da Casa do Concello, e alí as persoas que queiran colaborar poderán cambiar un quilo ou litro de comida por participar nos xogos populares.
A iniciativa partiu da asociación de nais e pais do alumnado, que buscou apoio e colaboración nas concellerías de Educación e de Igualdade. Deste xeito, esta mañá reuníronse con representantes de Cáritas para explicarlles a campaña e interesarse polos alimentos que son máis necesarios. Aínda que toda axuda é importante, os alimentos máis demandados son aceite, leite, conservas e comida infantil.
Os xogos populares estarán dispoñibles entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Durante ese tempo, poderase acceder aos xogos coa doazón de alimentos, que serán recollidos por Cáritas ao remate da campaña.
Ademais do convenio anual que o Concello do Grove ten con Cáritas tamén participan en iniciativas deste tipo co obxectivo de reforzar a colaboración con esta entidade social.