Mostra de arte portuguesa no Grove
Fecha: 2009-12-10
A Concellería de Cultura e o colectivo de artistas plásticos Artegrove presentan unha mostra colectiva de artistas portugueses, que permanecerá aberta ao público na Casa da Cultura Manuel Lueiro, do Grove, desde o sábado 12 de decembro ata a segunda semana de xaneiro. Esta mostra constitúe a primeira parte dun intercambio cultural que posteriormente levará artistas grovenses a expoñeren no Porto no primeiro trimestre do próximo ano.
A mostra leva por título Intercambio Internacional de Arte: Portugal en Galicia
A arte portuguesa, representada nesta ocasión pola Escola Utopia, do Porto, chega ao Grove como resultado dun convenio de intercambio, en réxime de colaboración, co colectivo Artegrove, para promoveren xuntos un espazo artístico transfronteirizo, diverso en técnicas e visións, entre artistas e públicos de ambas as nacionalidades.
Os artistas que expoñen nesta mostra colectiva son: Ana Maria Oliveira, Carla de Jesus, Graça Coelho, Manuel Vale, Mário Dantas, Regina Gouveia e Teresa Silva Vieira. Todos eles estarán presentes na xornada de convivencia que terán os dous colectivos artísticos e na inauguración da mostra.
O acto inaugural será o sábado 12 de decembro, ás 18.00 horas, e nel intervirán Conchita Ximénez, presidenta de Artegrove; Teresa Silva, coordinadora da Escola de Arte Utopia, e Antón Mascato, concelleiro de Cultura.
A lección maxistral desta inauguración será pronunciada polo director artístico da Fundacion Laxeiro, Javier Pérez Buján, co título “O pintor Laxeiro e a arte do seu tempo”, unha conferencia que será acompañada con soporte audiovisual. Javier Pérez Buján é licenciado en Historia, especialista en Arte Contemporánea; dirixe desde hai dez anos a Fundación Laxeiro, con sede en Vigo, dedicada ao máis importante artista plástico galego, Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, de quen se acaba de publicar o seu Catálogo Universal. Dáse a circunstancia de que Pérez Buján ten vencellos afectivos co Grove, xa que durante os primeiros dez anos da súa vida, na década dos setenta, foi veciño desta vila, por estar o seu pai, Pérez Bilbao, destinado como director da Caixa de Aforros Municipal de Vigo no Grove, onde deixou sólidas amizades e unha agradable lembranza.