Ciclismo: Challenger do Grove. Campionato de Galicia CRE Sénior e Máster. Trofeo Hotel Mirador Ría de Arousa Fondo
Fecha: 2014-04-22

O pelotón galego da categoría máster volverá contar cun Campionato de Galicia na modalidade de contrarreloxo por equipos grazas ao empeño do Club Ciclista Ría de Vigo.
O título autonómico disputarase na tarde deste sábado nas estradas do Grove como parte do denominado Challenger Hotel Mirador Ría de Arousa, que se completará cunha proba de fondo da categoría máster na mañá do domingo.
A primeira e ata a data única ocasión na que se desenvolveu o Campionato de Galicia de CRE para máster tivo lugar en Vigo na tempada 2012. Entón tamén contou coa organización do club vigués e foron 20 as escuadras que acudiron a esta cita. No Grove e San Vicente do Mar confirmaron a súa participación 25 formacións compostas por entre 4 e 6 corredores das categorías senior e máster.
O Campionato de Galicia desenvolverase sobre unha distancia de doce quilómetros pola estrada interior que une San Vicente do Mar e O Grove e que os equipos completarán nun trazado de ida e volta. Os equipos presentes tomarán a saída cun intervalo de entre 5 ou 3 minutos (decidirase na reunión de directores deportivos antes da disputa do Campionato) e na que só están definidos quen serán os últimos tres conxuntos que entrarán en liza e que serán o Ría de Vigo, Mapfre e Rías Baixas, quen obtiveran o bronce, prata e ouro, respectivamente, na edición de 2012.
Como recordo daquel primeiro Campionato de CRE, xa parte importante da historia recente do ciclismo en Galicia, cabe sinalar que naquela cita as diferenzas para definir o podio foron escasas, posto que a diferenza entre eles non alcanzou sequera os tres segundos.
O prestixio que supón obter este campionato de Galicia por escuadras calou entre o pelotón. Proba disto non é simplemente a alta participación xeral, senón o feito de contar ata coa asistencia de formacións chegadas de fóra de Galicia e que, pese a non contar para o título autonómico, poderán disputar unha contrarreloxo por equipos que de cando en cando se celebra como carreira.
Deste xeito estarán na liña de saída o potente Guía Color asturiano ou os madrileños do Bicicletas Salchi, ademais da totalidade de conxuntos galegos cunha ou varias formacións, como son os casos dos equipos De la Fuente de Tui, o Chantadino, o Team Corbelo de Portonovo, o Cangas Enziani ou o Ría de Vigo que como club organizador presentará un mínimo de dúas escuadras.
O Campionato terá lugar na tarde do sábado a partir das 16.30 horas coa saída e meta situada fronte ao Hotel Ría de Arousa, en Reboredo, no Grove.
Trofeo de fondo máster
A xornada do domingo está reservada para a disputa do Trofeo Hotel Mirador Ría de Arousa de máster. Trátase esta dunha proba de fondo con 80 quilómetros de distancia con carácter individual e que tomará a súa saída ás 10.00 h desde o mesmo punto que na xornada do sábado. O percorrido para realizar será en gran parte o mesmo que o da contrarreloxo do sábado, aínda que nesta ocasión o pelotón deberá completar un total de cinco voltas a este.