A Escola de Verán da Concellería de Educación regresa este ano ao colexio Rosalía de Castro
Fecha: 2014-05-26
-
Este programa permite conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos
-
Como anos anteriores, vólvese a apostar por unha empresa local para a coordinación da actividade
O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, volve a apostar este ano pola organización da Escola de Verán como programa garante da conciliación das familias do municipio, que regresa ás instalacións do colexio Rosalía de Castro. A través deste campamento, os participantes gozarán das vacacións con xogos e actividades, e ofrecendo unha solución aos problemas de compatibilización dos horarios das familias. Aínda que este verán o campamento non se desenvolverá integramente en inglés, si se destinarán varias horas cada día á inmersión nesta lingua a través de actividades de lecer.
As obras que nos últimos anos a Consellería de Educación realizou no colexio Rosalía de Castro obrigou á concellería a trasladar a Escola de Verán ao instituto e á escola infantil do Monte da Vila. Porén, rematadas as obras máis importantes do centro, este verán vólvese ás aulas deste centro para poder ofrecerlles aos usuarios un espazo máis cómodo, céntrico e adaptado ás súas necesidades. Neste colexio xa hai espazos adaptados para os nenos de infantil, tanto mobiliario como servizos, así como para os maiores. Tamén contan con parque infantil, patio e espazos deportivos. A pesar diso, desde o colexio Rosalía de Castro os nenos tamén farán saídas para gozar do contorno: á praia, parques, mercado, biblioteca municipal… Ademais, esta localización tamén supón maior comodidade para as familias.
Como anos anteriores, a Concellería de Educación volve a apostar por unha empresa local para a coordinación da actividade. Nesta ocasión, a empresa é Praxe&Ocio, que propoñen unha escola de verán que terá como fío condutor grandes clásicos da literatura infantil universal. Deste xeito, cada unha das obras literarias determinarán as actividades da semana, tanto no seu deseño como nos seus obxectivos e valores. Algúns dos títulos elixidos son Robinson Crusoe, Sherlock Holmes, O libro da selva, A illa do tesouro, A volta ao mundo en 80 días, As aventuras de Robin Hood, As aventuras de Pinocho ou Os tres mosqueteiros.
Esta mesma semana repartirase a información da Escola de Verán entre o alumnado do Grove. A actividade desenvolverase de luns a venres, entre xullo e agosto, en horario de mañá. Como anos anteriores, os pais terán dúas opcións de horario para elixir. O horario normal no que se desenvolve a actividade será de 9.30 a 13.30 horas, e horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. O prazo de inscrición e matrícula abrirase a principios de xuño na Casa Azul do Concello do Grove.