Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove convoca o II Concurso de Pintura Ernesto Goday

Fecha: 2014-06-09

 

  • O certame estará centrado na arte figurativa e súa temática abarcará todo o relacionado coa paisaxe natural e urbana do Grove e as súas xentes.
  • O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro e o autor do cadro gañador recibirá un premio económico de 1.000 euros.

 

Co obxecto de lle render homenaxe ao insigne pintor local Ernesto Goday Caamaño, a Concellería de Cultura convoca a segunda edición dun concurso de pintura no que a persoa creadora da obra gañadora recibirá un premio económico de 1.000 euros e que dará pé á edición dun catálogo e á organización dunha exposición no mes de decembro.

 

Criado no mariñeiro barrio de Lordelo, onde tempo despois asentou o seu estudio, as paisaxes da localidade foron un dos temas centrais da obra pictórica de Ernesto Goday Caamaño (1914-2001), ao que alcumaron “o pintor das dornas”. Por ese motivo, e co obxecto de renderlle homenaxe ao artista, o certame de pintura que leva o seu nome estará centrado na arte figurativa e, nesta segunda edición abarcará todo o relacionado coa paisaxe natural e urbana do Grove e as súas xentes.

 

Como se recolle nas bases que a Concellería de Cultura acaba de facer públicas, cada artista poderá presentar a este concurso unha única obra, de técnica libre pero sempre dentro da modalidade da arte figurativa. As persoas interesadas en participar neste certame disporán de prazo ata o 30 de setembro para achegar ao Concello unha fotografía do cadro, acompañada da folla de inscrición.

 

Con base nesas fotografías, un xurado composto por profesionais do mundo da arte realizará en setembro unha “preselección” das obras presentadas, que pasarán a formar parte do catálogo que se editará con motivo deste concurso. Ademais, tamén seleccionará aqueles cadros que formarán parte da exposición que se desenvolverá no mes de decembro con motivo deste certame pictórico.

 

Este xurado tamén será responsable de ditaminar cal dos cadros presentados é proclamado gañador do II Concurso de Pintura Ernesto Goday, que pasará a ser propiedade do Concello, recibirá un premio económico de 1.000 euros e un diploma. Segundo se recolle nas bases, ademais deste galardón, o xurado poderá outorgar os accésits que considere.

 

Bases do concurso e folla de inscrición>