A Xunta recoñece como actividade de Formación do Profesorado ao curso 'O Camiño de Santiago no Salnés, Comunicación e Medio Natural'
Fecha: 2014-06-23
O Curso de Verán da Universidade de Santiago, “O Camiño de Santiago no Salnés, Comunicación e Medio Natural” que se desenvolverá en Cambados e Vilanova de Arousa, do 28 de xullo ao 1 de agosto deste ano, foi homologado e recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como Actividade de Formación do Profesorado (30 horas).
Este recoñecemento proporciónalle ao Curso un importante valor engadido, de cara aos profesores dos distintos niveis de ensino non universitario e pon de manifesto a importancia do Camiño de Santiago e do Medio Natural como recursos educativos, didácticos e pedagóxicos.
O Curso, dirixido polo xornalista e director de Comunicación da Universidade de Santiago, Luís Celeiro Álvarez, concentrará no Salnés a un nutrido grupo profesores universitarios, xunto con xornalistas dos distintos medios de comunicación con incidencia na Ría da Arousa e expertos en temas xacobeos, xurídicos, literarios, ecolóxicos, en saúde e na divulgación medioambiental, entre eles Joaquín Araújo Ponciano, naturalista e escritor que fará un relatorio sobre “A linguaxe da natureza”.
A iniciativa conta co patrocinio da Mancomunidade do Salnés, da que forman parte os concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove, e moitos dos relatores teñen vinculación con algún destes concellos, proporcionándolles aos contidos das súas conferencias a riqueza da proximidade.
O curso ten 30 horas lectivas e a Universidade de Santiago recoñécelle 2 créditos aos seus estudantes. O número de prazas está limitado a 50 e cubriranse por orde de matrícula.
Programa: http://www.usc.es/cultura/uveran52_14.htm
Matrícula: https://matricula.usc.es/LoginX/Login.asp
Normas reguladoras: http://www.usc.es/cultura/uveran14cursos.htm#NORMAS_REGULADORAS_E_INSTRUCIÓNS
Información (Secretaría da Universidade de Verán):
Teléfono 881 811018 / 881 811103 / cursosdeveran@usc.es
Tlf. e correo de Luís Celeiro: 647344007 / l.celeiro@usc.es
Tlf. e correo do secretario, Xoán Piñeiro: 986503500 / cetali.av@gmail.com