Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Escola de Verán do Concello do Grove facilitará a conciliación de 180 familias

Fecha: 2014-06-25

 

  • O mércores convócase unha reunión coas nais e pais dos participantes para explicar o funcionamento.
  • Permitirá conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos.

 

O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, facilitará a conciliación dos horarios de 180 familias durante os meses de xullo e de agosto. Será na Escola de Verán, que este ano regresa ás instalacións do colexio Rosalía de Castro para poder ofrecerlles aos usuarios un espazo máis cómodo, céntrico e adaptado ás súas necesidades. Neste campamento, os nenos e as nenas participantes gozarán das vacacións con xogos e actividades ofrecéndolles unha solución aos problemas de compatibilización dos horarios das familias.

 

Para explicar o programa de actividades e outros aspectos do funcionamento da Escola de Verán, as persoas responsables deste programa municipal reuniranse cos pais e nais dos participantes este mércores, día 25, na Casa da Cultura do Grove ás 20.00 horas.

 

O fío condutor da Escola de Verán serán os grandes clásicos da literatura infantil universal. Deste xeito, cada unha das obras literarias determinarán as actividades da semana, tanto no seu deseño como nos seus obxectivos e valores. Algúns dos títulos elixidos son Robinson Crusoe, Sherlock Holmes, O libro da selva, A illa do tesouro, A volta ao mundo en 80 días, As aventuras de Robin Hood, As aventuras de Pinocho ou Os tres mosqueteiros.

 

A Escola de Verán inaugúrase o luns día 1 no colexio Rosalía de Castro. Haberá dous horarios, o normal é de 9.30 a 13.30 horas, e o horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Cada semana os rapaces gozarán dunha temática diferente, con obradoiros de traballos manuais, saídas, deportes, xogos e outras actividades. Este ano, como novidade, as inscricións no programa podían facerse por quincenas. Con esta nova opción preténdese mellorar e aumentar as solucións que desde a Administración local se ofrecen para que as familias teñan garantida a conciliación dos horarios laborais co momento de lecer dos seus fillos.

 

Os prezos da Escola de Verán mantéñense con respecto a anos anteriores. A Concellería de Educación volve a subvencionar esta actividade para os nenos e as nenas empadroadas no municipio. A tarifa para os participantes do Grove por cada mes é 66 euros, mentres que para os nenos que non están empadroados ascende a 95 euros. No horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas, os empadroados teñen que pagar 100 euros, mentres que os nenos que veñen de fóra aboan 125 euros. No que respecta ás quincenas, os nenos empadroados pagan 40 euros e 55 euros o resto. Se a elección é o horario ampliado, a tarifa ascende a 55 euros para os empadroados e 70 para os demais.