A Concellería de Educación inaugura as clases de natación nas que participan 56 nenos e nenas de infantil e primaria
Fecha: 2014-10-02
A extraescolar Gozando na Biblioteca comeza en novembro
Nos próximos días presentaráselles aos colexios e ás ANPA a guía O Grove Educa deste curso
As clases extraescolares de natación que organiza a Concellería de Educación inaugúranse este venres na piscina de Cambados. Un total de 56 nenos de infantil e de primaria participan na actividade, que está subvencionada por este departamento municipal.
Divididos en dous grupos, os martes e os venres, o obxectivo é que os nenos e as nenas aprendan a nadar, pero tamén que obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social. Un autobús subvencionado pola Concellería de Educación sae cada un destes días do Grove. Os martes o autobús sae ás 16.00 horas e as paradas son no colexio Valle-Inclán, O Corgo e Luis A. Mestre (á altura do Sineiro), e os venres sae ás 15.15 horas con paradas no Corgo, Terra de Porto e Luis A. Mestre (á altura do Sineiro). Esta actividade extraescolar conta con importante respaldo do alumnado, xa que en dous días se esgotaron todas as prazas que a piscina pon á disposición do Concello.
Outra das actividades extraescolares que organiza a Concellería de Educación é “Coñecendo e Gozando da Biblioteca”. Esta actividade comezará en novembro na biblioteca municipal do Grove e tamén conta con todas as prazas cubertas. Actualmente estanse organizando os grupos e nos próximos días os organizadores poranse en contacto cos pais ou as nais do alumnado. Trátase dunha proposta que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. Os nenos e as nenas atoparán actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e traballos manuais de acordo coas súas idades.
Estas actividades extraescolares están incluídas na guía O Grove Educa, que está elaborando o Concello do Grove para os centros escolares e as ANPA, co obxectivo de reunir nun mesmo documento practicamente toda a oferta educativa e lúdica que as concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. Esta guía presentarase proximamente nos centros escolares e ás asociacións de nais e pais do alumnado.