O Grove celebrará o VIII Encontro dos Maiores o domingo 9 de novembro
Fecha: 2014-10-06
As invitacións para este Encontro, que terá como acto central un multitudinario xantar de confraternidade no Gran Hotel da Toxa, xa se atopan á venda na Casa da Terceira Idade ao prezo de 33 euros.
A Concellería de Cultura e Terceira Idade e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove (Axupen) organizan o domingo 9 de novembro á oitava edición do Encontro dos Maiores do Concello do Grove, unha xornada de homenaxe aos grovenses e ás grovenses de maior idade que terá como acto central un multitudinario xantar de confraternidade no Gran Hotel da Illa da Toxa, ofrecido a un prezo de 33 euros por persoa grazas ás empresas que colaboran no evento.
As invitacións para asistir a este Encontro, no que o xantar se verá complementado por un amplo programa de actividades, poderanse retirar nas oficinas da Casa da Terceira Idade ata o mediodía do vindeiro luns 3 de novembro, segundo informou o concelleiro Carlos Otero, quen convida os maiores e as maiores da vila a participaren nun evento que en edicións anteriores logrou reunir máis de 300 persoas neste emblemático hotel da Illa da Toxa.
O responsable de Cultura e Terceira Idade tamén quixo efectuar un recoñecemento público ás empresas que colaboran con este Encontro dos Maiores cunha contribución económica, achegando os produtos cos que se elaboran os diferentes pratos ou doando os agasallos que serán sorteados entre as persoas asistentes. Neste senso, Otero salientou que ofrecer un completo menú a un prezo accesible nun dos referentes hoteleiros de Galicia non sería posible sen a implicación do Gran Hotel, Barlovento, Acuario de O Grove, Lume Cociña e Baño, Conservas Isabel, Prefabricados Dena, Insuíña, Todogrove Edicións, Frigrove, Amegrove, Hostelco, Mariscos Santi, Rodrimar, Lagar de Pintos, Cruceiros do Ulla, Begano Coca-Cola, Mariscos Jacobo e Remagro.
Grazas á colaboración destas empresas, os asistentes a este VIII Encontro dos Maiores poderán degustar o vindeiro 9 de novembro un menú composto por mexillóns guisados, empanada de xiba, croquetas de marisco e polbo á feira a modo de entrantes, ameixas á mariñeira, lombos de atún á caseira, timbal de tenreira con patacas ao forno e verduras salteadas e pastel de crema con froitos roxos como sobremesa; ademais de café e infusións, lambetadas, viños das denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, cava e queimada.
Amplo programa de actos
Ao igual que en edicións anteriores, este xantar de confraternidade verase complementado por un variado programa de actos que arrincará ás 12.30 horas do domingo 9 coa recepción dos participantes nos xardíns situados diante da Capela das Cunchas da Illa da Toxa.
Neste lugar desenvolverase, á unha da tarde, unha misa solemne, cantada pola Coral Polifónica do Centro da Terceira Idade Axupen. Rematada á cerimonia, as persoas asistentes poderán gozar das actuacións de baile e música tradicional que ofrecerá no entorno a asociación cultural Paradanda-Mecos.
Xa ás 14.30 horas, haberá unha presentación audiovisual da man do técnico municipal Francisco Meis Durán, na que falará do paso dos distintos alcaldes que gobernaron O Grove, sentados nas mesas e gozando dun xantar que estará amenizado polo grupo de acordeóns Rías Baixas.
Rematado o xantar cunha gran queimada, o Encontro continuará ás 17.00 horas coa entrega de premios e agasallos entre os asistentes e coa actuación do grupo de Pandereiteiras e Pandereiteiros do Centro da Terceira Idade, que dirixe Alberto García. A este profesor e gaiteiro e ao propio concelleiro Carlos Otero, que é ademais director da coral de Axupen, corresponderalles tamén poñer música á interpretación coral do Himno Galego coa que se porá peche ao acto. Pero non á xornada, posto que o Encontro continuará cun baile a cargo do grupo Sol-Aguin.