Alumnado de infantil e primaria participa nunha nova edición da actividade extraescolar 'Coñecendo e Gozando da Biblioteca'
Fecha: 2014-11-05
Trátase dunha proposta municipal para espertar a imaxinación e a creatividade a través dos recursos que ofrece a lectura.
Conta coa participación de 45 nenos e nenas.
O Concello do Grove inaugura este venres a cuarta edición da actividade extraescolar “Coñecendo e gozando da biblioteca”, na que participan 45 alumnos e alumnas de infantil e de primaria dos diferentes centros escolares da localidade. Tras o éxito de edicións anteriores e o aumento da demanda, nesta edición volvéronse a ampliar as prazas e as quendas dispoñibles para poder responder ao maior número de solicitudes posible. A actividade desenvólvese todos os venres na Biblioteca Municipal do Grove, a partir das 16.30 horas.
Trátase dunha actividade posta en marcha polas concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, e que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un entorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas; e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica e facilitando o xogo. Os participantes atopan cada semana actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e manualidades de acordo coas súas idades.
Este mes os talleres centraranse nos medos a determinadas personaxes de contos: os esqueletos, o home do saco, os monstros... A través das lecturas que seleccionan as monitoras, cada venres presentaranse a estas personaxes de forma divertida e lúdica para que os nenos lles perdan o medo.
Xunto con esta actividade extraescolar, a concellería de Educación tamén organiza clases de natación na piscina de Cambados. Un total de 60 rapaces gozan destas clases divididos en dous grupos, os martes e os venres. Un autobús contratado polo concello sae cada un destes días do Grove, co obxectivo de que os nenos, ademais de aprender a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral, nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social.