Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A rapazada do Grove volve a gozar da biblioteca

Fecha: 2014-11-10

 

 

Trátase dunha proposta municipal para espertar a imaxinación e a creatividade a través dos recursos que ofrece a lectura.

Conta coa participación de 45 nenos.

 

 

O Concello do Grove inaugurou na tarde do pasado venres a cuarta edición da actividade extraescolar 'Coñecendo e gozando da biblioteca', na que participan 45 alumnos de infantil e de primaria dos diferentes centros escolares da localidade.

 

Tras o éxito de edicións anteriores e o aumento da demanda, nesta edición volvéronse a ampliar as prazas e as quendas dispoñibles para poder responder ao maior número de solicitudes posible.

 

A actividade desenvólvese todos os venres na Biblioteca Municipal do Grove, a partir das 16.30 horas. 

 

Trátase dunha actividade posta en marcha polas concellerías de Educación e de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica e facilitando o xogo. Os participantes atopan cada semana actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e traballos manuais de acordo coas súas idades. 

 

Este mes os talleres centraranse nos medos a determinadas personaxes de contos: os esqueletos, o home do saco, os monstros... A través das lecturas que seleccionan as monitoras, cada venres presentaranse a estas personaxes de forma divertida e lúdica para que os nenos lles perdan o medo.

 

Cómpre lembrar que xunto con esta actividade extraescolar, a Concellería de Educación tamén organiza clases de natación na piscina de Cambados. Un total de 60 rapazas e rapaces gozan destas clases divididos en dous grupos, os martes e os venres. Un autobús contratado polo Concello sae cada un destes días do Grove, co obxectivo de que os nenos, ademais de aprender a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social.