Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove deseña unha ambiciosa programación para que pequenos e maiores gocen do Nadal

Fecha: 2014-12-12

Xa están abertas na Biblioteca Municipal do Grove as inscricións para participar nas diferentes actividades

 

O Concello do Grove programa para as vacacións de Nadal unha ampla e atractiva programación de actividades e actuacións para todas as idades, co obxectivo de que grandes e pequenos gocen destas festas. Todas as concellerías xuntan esforzos e recursos para ofrecer un ambicioso calendario, que mestura contacontos, obradoiros, exposicións, fomento do galego e outras sorpresas para aproveitar ao máximo das vacacións en familia.

 

A programación de Nadal xa comezou coa exposición do II Concurso de Pintura Ernesto Goday, ata o 15 de xaneiro na Casa do Concello, e continúa o vindeiro venres 19 cunha tarde en familia na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. A partir das 17.30 horas farase entrega dos premios do XVI Concurso de Postais de Nadal, e posteriormente os asistentes gozarán do espectáculo de teatro e maxia cómica Trío de Ases, de Expresión Producións.

 

Tamén a semana próxima comeza a campaña “Agasalla en galego”, de dinamización lingüística no comercio local. E para fomentar o uso do idioma e das novas tecnoloxías entre a infancia vólvese a apostar polas iniciativas “Aos Reis Magos en Galego” e “Os Reis Magos teñen e-mail!”. Na primeira, os nenos e nenas poden solicitar en calquera das dúas bibliotecas municipais un modelo de carta aos Reis Magos en galego para que poidan pedir os seus agasallos. Pero para quen prefira facer uso das novas tecnoloxías, poden usar os ordenadores da biblioteca para facer as súas peticións a través do enderezo electrónico reismagos@concellodogrove.com.

 

A entrega do XXI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey farase o sábado 20, ás 12.00 horas, na Sala das Cunchas da Casa do Concello. O domingo 21 resérvase para os bebés, co espectáculo Cantacontos que Pablo Díaz trae ata a Biblioteca Municipal. As prazas son limitadas e as inscricións pódense facer na Casa da Cultura.

 

Para a mocidade de entre 12 e 17 anos destínase o Obradoiro de Curtametraxes impartido por Xes Chapela os días 22 e 23 de decembro na Biblioteca Municipal. Esta actividade é gratuíta e as persoas interesadas poden anotarse na propia biblioteca municipal ou a través do seu perfil nas redes sociais.

 

En  colaboración coa ANPA do colexio Valle-Inclán, o domingo 28 vólvese a organizar a III Marcha Familiar San Silvestre Escolar do Grove, con saída da rúa Castelao ás 12.00 horas. Xa pola tarde, na biblioteca municipal, Migallas Teatro porá en escena o espectáculo Camiño de Historias e faranse entrega dos premios aos mellores lectores do ano. Xa en xaneiro, o día 4, proxectarase a película do Nadal Holy Night na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

 

Cabalgatas e visita do carteiro real

Ademais de todo o anterior tamén hai que sumar as cabalgatas de Papá do Nadal e dos Reis Magos, o 24 de decembro e o 5 de xaneiro, así como a visita do carteiro real ás casas de cultura do Grove e San Vicente o 3 de xaneiro. A cabalgata de Papá do Nadal saíra desde a Ponte da Toxa, percorrendo as rúas Castelao, da Praza, Beiramar, Luís Casais e Castelao. No caso da cabalgata dos Reis Magos, sairá desde o colexio Valle-Inclán, e o percorrido será polas rúas Tenente Domínguez, Castelao, da Praza, Pablo Iglesias, Praza do Corgo, Beiramar, Luís Casais e Castelao.

 

Descargar o cartel do programa (deseñado polo alumnado do Obradoiro de deseño Monte das Flores 2014-2015)>