Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove e a ANPA do colexio Valle-Inclán organizan este domingo a III San Silvestre Escolar

Fecha: 2014-12-26

É unha carreira popular para toda a familia

Pola tarde, a biblioteca acolle o espectáculo de Migallas Teatro e a entrega dos premios aos mellores lectores do ano

 

O Concello do Grove e a Asociación de Nais e Pais do colexio Valle-Inclán organizan a terceira edición da marcha familiar San Silvestre Escolar, que espera reunir este domingo no centro urbano a rapaces e familias para facer algo diferente fóra do ámbito escolar durante o Nadal, ao mesmo tempo que se fomenta a práctica deportiva. 

 

A carreira comezará ás 12.00 horas na rúa Castelao, e as inscricións pódense facer gratuitamente desde media hora antes do inicio. É unha carreira popular dentro do núcleo urbano, con percorridos de diferentes distancias dependendo das idades dos participantes. O alumnado de infantil correrá unha distancia de 200 metros. 400 metros percorrerán os nenos e nenas de primeiro ciclo de primaria; 650 metros, os de segundo ciclo; e 1.100 metros os de último ciclo de primaria. A xornada rematará cunha carreira-andaina para todos os participantes e as súas familias de 2.250 metros. 

 

Non haberá trofeos ou premios para os gañadores. Nesta carreira non é importante quen chega primeiro ou último, senón participar. E por iso entregaráselles unha medalla a todos os rapaces como recordo deste evento.

 

Desde o Concello do Grove anímase ás familias a participar nesta carreira e a facelo vestidos ou adornados con algún motivo destas datas festivas: gorros, diademas, cintas, maquillaxe… Tras a carreira sortearanse agasallos doados por diferentes empresas locais. 

 

Na biblioteca

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a cita trasládase á Biblioteca Municipal do Grove, onde se fará entrega dos premios aos mellores lectores do ano. Estará acompañado do espectáculo Camiños de Historias, de Migallas Teatro. As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente.

 

Camiño de historias é un espectáculo constituído por varias historias de tradición oral procedentes de diversos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares.