A Concellería de Xuventude anima as empresas e os negocios locais a participaren no programa Carné Xove
Fecha: 2015-01-13
Desde a Concellería de Xuventude do Concello do Grove queremos promocionar as vantaxes do Carné Xove entre os nosos mozos e mozas para que así poidan conseguir os descontos que ocasionan seren titulares deste carné.
Para os que non coñezan o funcionamento deste carné, cómpre decir que o pon á disposición dos mozos e mozas de entre 12 e 30 anos a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, co cal teñen unha serie de beneficios tanto ofrecidos pola propia Xunta (campamentos, actividades, albergues...) como por empresas privadas (Renfe, Pizza Móbil, cines..) e establecementos de toda Galicia, resto de comunidades autónomas e en máis de 30 países europeos.
Desde esta concellería queremos invitar a todas as empresas de servizos que hai no Grove a participaren neste programa ampliando as vantaxes que oferta a Consellería de Traballo e Benestar, pois desde aquí obrigan a que os colaboradores apliquen un desconto mínimo dun 10% e desde o Concello non poñemos esta condición, senón que cada empresa aplica o seu propio desconto ou beneficio ao usuario (un tanto por cento, 2x1, regalo dalgún obsequio, etc.).
Este programa estará actuando durante todo o 2015 e todas as ofertas e vantaxes que se vaian engadindo serán colgadas nunha páxina web creada para este fin, as actualizacións faranse cada trimestre. Esta páxina aproveitarase tamén para colgar información de interese para os mozos, un apartado específico para os institutos, para os boletíns dixitais da Oficina de Información Xuvenil e outras novas.
Os interesados en participar poden dirixirse, ata o 30 de xaneiro, á Oficina de Información Xuvenil, situada no segundo andar do edificio administrativo (omix@concellodogrove.com. Tel.: 986 730 609), ou poñerse en contacto directamente co concelleiro de Xuventude, Alfredo Bea (alfredo.bea@concellodogrove.com).