A Concellería de Educación destina 18.000 euros para continuar coa substitución das ventás no colexio Valle-Inclán
Fecha: 2015-02-04
O alcalde Miguel Ángel Pérez e a concelleira Laura Besada solicitáronlle axuda económica ao xefe territorial de Educación
O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira de Educación, Laura Besada, trasladáronse durante a mañá de onte a Pontevedra para se reuniren co xefe territorial de Educación, César Pérez, co obxectivo de informarlo do inicio inminente da terceira fase na substitución das ventás do colexio Valle-Inclán, e solicitar o apoio económico da consellería. Á espera de recibir unha resposta a esta petición, desde o Concello do Grove anunciaron que se van destinar de novo fondos propios para continuar co traballo iniciado hai un ano neste centro escolar e, deste xeito, substituír as ventás de catro novas aulas.
Os fondos propios destinados pola Concellería de Educación para esta actuación ascenden a 18.000 euros. As ventás substituiranse por ventás de dobre cristal e con lama térmica, que permiten resolver as fugas de calor nas aulas. Ademais de mellorar a eficiencia enerxética, tamén redunda nunha maior comodidade e seguridade para o alumnado, e aumenta a claridade da aula, xa que as dimensións dos cristais novos son maiores.
Estes 18.000 euros súmanse aos 34.000 que a concellería xa ten gastados nas anualidades 2013 e 2014 para este fin, así como aos 6.000 euros de axuda recibidos o exercicio pasado da Consellería de Educación. As actuacións levadas a cabo nos últimos dous cursos escolares permitiron a substitución das ventás de oito aulas do centro, así como das tres portas de acceso ao edificio educativo.
Estas obras danlle resposta a unha antiga demanda, tanto da dirección como da ANPA do centro. As ventás do colexio son de folla moi fina e teñen un deficiente selado térmico. Ademais, teñen máis de 40 anos e non illan o suficiente, o que provoca que o aire circule a través delas e acentúe a sensación de frío nas aulas. Ademais, recordan desde a Concellería de Educacións que as obras no centro realizaranse, como se vén facendo ata o de agora, a través de empresas locais.