Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A reforma proposta para A Galiña Azul do Grove permite superar as patoloxías existentes e facela máis funcional

Fecha: 2015-02-23

O Consorcio de Benestar explicoulle ao alcalde, á concelleira de Educación e a representantes da ANPA o borrador de anteproxecto co que están a traballar

Miguel Pérez considera que “esta é a reforma integral que solicitamos desde o principio e que esperabamos conseguir”

 

 

O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, a concelleira de Educación, Laura Besada, e varios representantes da ANPA da Escola Infantil A Galiña Azul desprazáronse esta semana ata Santiago de Compostela para reunirse con Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, e coñecer como avanza o proxecto de reforma deste centro. O borrador do anteproxecto que presentaron desde o organismo autonómico permitirá superar as patoloxías existentes actualmente no edificio, pero tamén facelo máis cómodo e funcional para os usuarios e as súas familias.

 

A proposta presentada é unha reforma integral integral do centro. Unha vez confirmado que a localización do centro continuará sendo a actual, o proxecto presentado inclúe as actuacións precisas para solucionar os actuais problemas de humidades do edificio, pero tamén mellorar as instalacións. O problema das humidades solucionarase coa substitución da cuberta, co revestimento exterior e coa mellora da pavimentación, illamento e solo radiante. Os tabiques interiores serán completamente novos para reorganizar as aulas e as áreas de servizos comúns. Ademais, elevarase o nivel do xardín para evitar rampas e escaleiras e, deste xeito, garantir a accesibilidade do edificio.

 

Desde o Concello do Grove, o alcalde, Miguel Ángel Pérez, móstrase satisfeito co traballo presentado polo Consorcio, xa que “permitirá mellorar de xeito notable a calidade das instalacións e a comodidade dos bebés, pero tamén solucionar de xeito definitivo o problema grave e urxente de humidades que temos no edificio”. Recorda que “a escola ten trinta anos e as actuacións de mantemento e de limpeza que desde o Concello estamos a facer constantemente son parches temporais que non poden solucionar os problemas estruturais marcados pola idade do edificio. Por iso esta é a reforma integral que solicitamos desde o principio e que esperabamos conseguir”.

 

Concello do Grove e ANPA recibirán proximamente o anteproxecto definitivo para poder amosarllo ao persoal do centro e ás familias.