‘Contamos contigo’, programa cultural e lúdico infantil das concellerías de Educación e Documentación e Patrimonio
Fecha: 2015-03-02
As actividades inaugúranse o venres co Obradoiro de Cociña Divertida para alumnado de 10 a 14 anos
As concellerías de Educación e de Patrimonio, Documentación e Novas Tecnoloxías do Concello do Grove presentan a nova programación de actividades culturais e lúdicas, unha proposta que pretende ofrecer aos nenos e nenas do municipio, e ás súas familias, dunha programación ampla, variada e atractiva para que gocen das fins de semana.
Baixo o título "Contamos contigo", o programa inclúe contacontos, concertos e outras actividades que durante as próximas semanas confían en espertar a atención da xente máis pequena da casa, espertar a súa imaxinación e creatividade, ao mesmo tempo que se lles ofrecen alternativas de lecer saudables e didácticas. Agás o Obradoiro de cociña divertida, que ten un prezo de 15 euros, as demais actividades son de balde. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa na Rede de Bibliotecas do Grove para todas as actividades, excepto para o concerto.
Obradoiro de cociña divertida
A programación inaugúrase co obradoiro de cociña divertida que se vai organizar no restaurante O Almacén do Avó. Todos os venres do mes de marzo, de 17.30 a 19.30 horas, os e as asistentes aprenderán a cociñar dunha forma saudable, diferente e, sobre todo, divertida. En cada sesión daranse todos os pasos para elaborar un menú completo: primeiro prato, segundo e sobremesa. Está dirixido a nenas e nenos de 10 a 14 anos.
Contacontos en inglés
Un día despois, o sábado día 7, a programación diríxese á xente máis miúda. As concellerías continúan apostando pola inmersión na lingua inglesa da cativada e organiza o contacontos "Where do You live?" para bebés de 1 a 3 anos. Será ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal do Grove.
Mousy é un rato de campo e Linda unha ratiña de cidade. Que pasará cando Mousy visite a Linda e cando Linda pase un día na granxa de Mousy?
Lobo bobo. Contacontos teatral a cargo de Elefante Elegante
Tamén a Biblioteca Municipal do Grove acollerá o contacontos teatral Lobo lobo. Será o sábado 14 de marzo, ás 18:00 horas, pero nesta ocasión estará dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos.
Que pasaría se o lobo da Carapuchiña se fixese vexetariano? Que acontecería se a madrasta de Branca de Neve se convertese nun dos tres porquiños cada vez que se mira no espello? A resposta a estas e outras preguntas poderémola descubrir no novo espectáculo para bibliotecas de Elefante Elegante.
Contacontos teatral a cargo da compañía Trinke trinke teatro
O día 28 a programación trasládase a San Vicente. Na Axencia de Lectura, ás 11:30 horas, terá lugar o contacontos da compañía Trinke Trinke teatro. Está dirixido á rapazada a partir de 4 anos. Os condutores das actividades son uns personaxes fantásticos: os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade.
Contos do Mundo
Solidariedade Internacional de Galicia chega ao Grove o sábado 11 de abril. Presenta Contos do Mundo, dirixido a nenas e nenos desde os 5 anos. Unha viaxe polo mundo a través dos cinco sentidos.
Irene, filla de cooperantes, que viaxou por moitos países amosará algúns países do mundo. Utilizando fotografías presentará estes países: a súa xeografía, as súas xentes, os seus costumes, bailes, contos etc. Todo o público asistente divertirase escoitando as súas narracións, aprendendo e bailando.
Tarabelos Teatro
O novo traxe do rei é un contacontos con monicreques. Porase en escena o sábado 18 de abril na Axencia de Lectura de San Vicente. Está dirixido á rapazada maior de 4 anos.
Un libro, un cheiro, un conto... Un traxe especial para un rei especial. O traxe novo prometía ser un capricho inigualable e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia dos habitantes da corte. Pero, sería certo?, funcionaría? Dalgún xeito, si; pero non como el esperaba.
Cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa
Para o 25 de abril proponse o contacontos O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, de Teatro Calavera, na Biblioteca Municipal, nesta ocasión dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos. Ao rematar o contacontos, a rapazada asistente participará nun obradoiro de pasta de azucre.
O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa son algo máis que amigos. Por iso Tomasa o convidou á súa casa, ás oito, a comer biscoito. Non foi de comer biscoito, senón por culpa do viño e do touciño polo que o cociñeiro Antón caeu de fociños.
Contacontos ilustrado e musicado
Polo Correo do Vento volve ao Grove. Nesta ocasión á Axencia de Lectura de San Vicente, cun contacontos ilustrado e musicado no que se realiza unha maridaxe entre a narración, a ilustración e a música. Mentres o narrador conta a historia, o ilustrador realiza murais relacionados coa historia que se relata e o músico toca. A actividade complétase cun mini-obradoiro de ilustración no que grandes e pequenos aprenden a debuxar os personaxes da historia guiados polo ilustrador.
Está programada para o sábado 9 de maio, ás 12:00 horas, e dirixida a nenos e nenas desde os 4 anos e os seus familiares.
Concerto Vaia Banda
Este mesmo día, ás 20.00 horas, celebrarase na Praza do Corgo o concerto Vaia Banda. Trátase dun espectacular concerto de percusión no que actuarán conxuntamente a Banda de Música do Grove e o grupo ODAIKO.
Libros en-cantados
Libros en-cantados é un espectáculo para cantar e contar con Magín Blanco as historias das viaxes de A nena e o grilo, da Locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña... E quen sabe se algunha outra sorpresa traerá este músico. O sábado 16 de maio, ás 11.30 horas, na Biblioteca Municipal do Grove.
Contos con obxectos de Reciclaxe
Para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, a proposta elixida é Cores: contos con obxectos de Reciclaxe e música a cargo de Tropa de trapo. Trátase dun contacontos medioambiental dirixido á rapazada a partir de 5 anos.
A chegada de Violeta, a súa nai e o seu pai á casa da avoa descúbrelle a Violeta un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e que os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos. Na Biblioteca Municipal do Grove, o 5 de xuño a partir das 18:00 horas.
Cartel do Programa Contamos Contigo