Un curso de cociña divertida e un contacontos en inglés inauguran a programación infantil do Concello do Grove para os vindeiros meses
Fecha: 2015-03-04
Todas as actividades precisan de inscrición previa na Biblioteca Municipal do Grove
Esta fin de semana inaugúrase a programación infantil “Contamos contigo” que as concellerías de Educación e de Patrimonio, Documentación e Novas Tecnoloxías do Concello do Grove organizan para os vindeiros meses. O venres ponse en marcha o obradoiro de cociña divertida, no que van participar quince nenas e nenos de entre 10 e 14 anos. O sábado é a quenda dos máis pequenos, que gozarán das aventuras de Mousy a través do contacontos “Where do you live?”.
O taller de cociña divertida desenvólvese todos os venres do mes de marzo no restaurante Almacén do Avó. O obxectivo desta actividade é espertar a atención dos máis pequenos da casa pola cociña, espertar a súa imaxinación e creatividade, ao mesmo tempo que se ofrecen alternativas de lecer e de ocio. Para conseguilo, os participantes realizarán cada venres todos os pasos para a elaboración dun menú completo: primeiro plato, segundo e postre. Farán manipulación de alimentos en crudo, e aprenderán a manexar os tempos de elaboración de cada unha das receitas. Cociñarán de maneira saudable, pero sobre todo, de xeito diferente e divertido. As prazas xa están completas.
Xa o sábado, a proposta está dirixida para os bebés de 1 a 3 anos. Nunha nova ocasión apóstase pola inmersión na lingua inglesa dos máis cativos. A academia local Kids and Us porá en escena “Where do You live?”, unha representación teatral en inglés que comezará ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal do Grove. Mousy é un rato de campo e Linda unha ratiña de cidade. Que pasará cando Mousy visite a Linda e cando Linda pase un día na granxa de Mousy? A través de distintas personaxes, cancións e material complementario transportan aos nenos e nenas a un mundo cheo de fantasía. Para participar nesta actividade gratuíta é preciso inscrición previa na biblioteca municipal, ata completar as prazas dispoñibles.
O programa “Contamos contigo” inclúe contacontos, concertos e outras actividades que durante as próximas semanas confían en espertar a atención dos máis pequenos da casa, espertar a súa imaxinación e creatividade, ao mesmo tempo que se ofrecen alternativas de lecer e de ocio. Agás o obradoiro de cociña divertida, que ten un prezo de 15 euros, todas as actividades son gratuítas. Este programa traerá ata O Grove e San Vicente contacontos como Lobo lobo, a compañía Trinke Trinke teatro, concerto da Banda Municipal de Música do Grove, Tarabelos Teatro...