A Concellería Educación inaugura as clases de reforzo escolar para alumnado de secundaria
Fecha: 2015-03-09
Son talleres de recuperación dirixidos a mozas e mozos que poden encontrarse en risco de abandono temperán do sistema educativo
A Concellería de Educación do Grove inaugura unha nova edición dos obradoiros de reforzo escolar para o alumnado de secundaria, co obxectivo de previr e reducir o abandono do sistema educativo. A través destas clases ofrécense instrumentos para minimizar as carencias detectadas en cada un dos participantes, recuperar as materias non superadas no primeiro trimestre do curso e implantar en cada alumno unhas habilidades e mentalidade de traballo autónomo de cara ao futuro. A gratuidade do programa permite que participen neste apoio escolar alumnos que doutro xeito non poderían telo recibido.
Hoxe comezan as clases trece dos trinta alumnos que está previsto que participen neste programa municipal. O resto irá incorporándose paulatinamente nos vindeiros días. As clases desenvólvense na Casa Azul, os luns, xoves e venres. O alumnado dividirase por cursos, recibindo o luns formación no ámbito científico-tecnolóxico, o xoves técnicas de estudo e o venres, competencias lingüísticas.
O alumnado pertence aos dous centros de secundaria do Grove, e están propostos tanto polo servizo de orientación escolar dos institutos como do departamento municipal de Educación Familiar. Así, priorízase a participación de alumnado que pode atoparse en risco de abandono temperán do sistema escolar polas diferentes dificultades que van atopando, ben sexan académicas, familiares, persoais…, e cuxo rendemento escolar ao longo do primeiro trimestre do curso foi deficiente.
Este é o segundo curso no que se organizan estas clases de reforzo escolar de secundaria. Son completamente gratuítas, do mesmo xeito que o son as clases que se desenvolven durante o verán. Nos dous casos, os talleres inclúense dentro das diferentes iniciativas que a Concellería de Educación puxo en marcha co obxectivo de reducir o abandono escolar entre o alumnado de secundaria. Neste sentido, ademais deste programa apostouse por organizar talleres de técnicas de estudo para o alumnado e os seus pais; charlas de motivación cara ao estudo; o programa de inclusión escolar para evitar as expulsións no centro; campañas de sensibilización para previr o abandono escolar e fomentar o retorno educativo…