Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación substitúe as ventás de seis aulas no colexio Valle-Inclán

Fecha: 2015-03-30

  • Continúa o plan iniciado hai dous anos, a través do cal xa se cambiaron as ventás de oito aulas e as tres portas de acceso ao centro
  • Recibirán unha axuda económica da Consellería de Educación

 

A Concellería de Educación aproveitará as vacacións escolares de Semana Santa para iniciar a substitución das ventás no colexio Valle-Inclán e continuar deste xeito o plan iniciado hai preto de dous anos que xa permitiu cambiar os cristais de oito clases e as tres portas de acceso.

 

Nesta anualidade as obras realizaranse en dúas fases. A primeira levarase a cabo a partir de Semana Santa e afectará seis aulas máis. Os fondos propios destinados para esta primeira actuación son 18.000 euros, e a Consellería de Educación colaborará cunha axuda de 6.000 euros. Colocaranse ventás de dobre cristal con lama térmica, que permiten resolver as fugas de calor nas aulas. Ademais de mellorar a eficiencia enerxética, tamén redunda nunha maior comodidade e seguridade para o alumnado, e aumenta a claridade da aula, xa que as dimensións dos cristais novos son maiores. A segunda fase desta anualidade executarase pronto.

 

Estes 24.000 euros súmanse aos 34.000 euros que a concellería xa ten gastados nas anualidades 2013 e 2014 para este fin, así como aos 6.000 euros de axuda recibidos o exercicio pasado da Consellería de Educación. As actuacións levadas a cabo nos últimos dous cursos escolares permitiron a substitución das ventás de oito aulas do centro, así como das tres portas de acceso ao centro.

 

Estas obras dan resposta a unha antiga demanda tanto da dirección como da ANPA do centro. As ventás do colexio son de folla moi fina e teñen un deficiente selado térmico. Ademais, teñen máis de corenta anos e non illan o suficiente, o que provoca que o aire circule a través delas e acentúe a sensación de frío nas aulas. Ademais, recordan desde a Concellería de Educación que as obras no centro realizaranse, como se vén facendo ata o de agora, a través de empresas locais.

 

Mellora da biblioteca en Bizocas

No caso do colexio As Bizocas, a Concellería de Educación mellorará a biblioteca escolar. Así, tal e como xa fixo o pasado curso no CEIP Conmeniño, colocará tarima laminada nos 60 metros cadrados de aula, e cubrirá as amplas ventás con estores para evitar que a claridade deslumbre o alumnado cando se utiliza o encerado dixital. Co novo chan, os usuarios poderán sentar sobre a tarima para ler ou ben para escoitar contacontos. Estes dous aspectos mellorarán de xeito importante a biblioteca, e permitirán convertela nese espazo acolledor que pretende a dirección do centro. Dirección que, pola súa parte, tamén está facendo un importante esforzo para actualizar o catálogo de títulos e adquirir novos equipos informáticos.