Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Rede de Bibliotecas do Grove segue a ofrecer actividades de animación á lectura durante o mes de abril

Fecha: 2015-04-17

 

 

O Programa Cultura no Camiño achega ata a Biblioteca Municipal do Grove o espectáculo A miña primeira viaxe

Continúan as actividades do programa Contamos contigo

 

A Rede de bibliotecas do Grove continúa coa programación de  animación á lectura para seguir festexando o mes de abril, un mes dedicado aos libros e a lectura.

 

O Programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia achega ata a Biblioteca Municipal do Grove o espectáculo A miña primeira viaxe a cargo da compañía Xarope Tulú.

 

A cita terá lugar o xoves 23 de abril, Día Internacional do Libro, a partir das 18.00 h e está dirixida á rapazada a partir de 4 anos.

 

Xarope Tulú é unha compañía de recente creación dedicada ás artes escénicas para pequenas e pequenos, cuxa responsable é a actriz grovense Atenea García.

 

A peza teatral A miña primeira viaxe é unha adaptación do libro do mesmo título escrito por Paloma Sánchez Ibarzábal e publicado por OQO Editora: Un neno viaxa dentro da súa cápsula por un universo descoñecido. Non sabe cara a onde vai nin quen é, pero non ten medo se sente o TUM-TUM dos motores. Unha vella maleta transformada nunha caixa de luz focaliza a mirada do que observa. Unha actriz que conta e canta un relato de procura da propia identidade, e un músico que dialoga coa linguaxe onírica do propio relato; son as pezas fundamentais desta viaxe, da primeira de todas as viaxes.

 

Así mesmo, continúan as actividades de animación á lectura do Programa Contamos Contigo, organizado polas concellerías de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías e de Educación do Grove:

 

O sábado 18 de abril a Axencia de Lectura de San Vicente acollerá o espectáculo O traxe novo do Rei a cargo de Tarabelos Teatro. Esta actividade está subvencionada polo programa ler Conta Moito da Xunta de Galicia. O Traxe novo do Rei é un contacontos ilustrado con  monicreques de  boca, monicreques de mesa e miniaturas: Un libro, un cheiro, un conto... Un traxe especial, para un rei especial. O traxe novo prometía ser un capricho inigualable e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia dos habitantes da corte. Pero, sería certo?, funcionaría?; de algún xeito si, pero non como el o esperaba.

 

O sábado 25 de abril a Biblioteca Municipal do Grove será o escenario do espectáculo O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa a cargo de Teatro Calavera e subvencionado polo programa Ler conta moito.

 

A actividade comezará ás 18.00 h e constará de dúas partes: en primeiro lugar a rapazada asistirá á representación do contacontos O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa e, a continuación, os asistentes participarán nun obradoiro de pasta de azucre.

 

"O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa son algo máis que amigos. Por iso Tomasa convidouno á súa casa; ás oito, a comer biscoito. Non foi de comer biscoito, senón por culpa do viño e do touciño polo que o cociñeiro Antón caeu de fociños."

 

Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa, a cal se pode facer nas bibliotecas da Rede, no teléfono 986 732 341, ou no e-mail biblioteca@concellodogrove.es