Ánxela Gracian visitará o taller de lectura na biblioteca muncipal do Grove o xoves 30 de abril
Fecha: 2015-04-24
As participantes poderán coñecer, dialogar e intercambiar impresións coa autora
As participantes no taller de Lectura organizado pola Rede de Bibliotecas do Grove en colaboración co CIM recibirán a visita de Ánxela Gracian o xoves 30 de abril a partir das 17.00 h.
Ánxela Rodríguez Rodríguez, coñecida polo pseudónimo artístico de Ánxela Gracian, naceu en Gracian (Castroverde, Lugo). É escritora, tradutora, crítica literaria e editora galega. Obtivo unha licenciatura en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela.
Na súa actividade dentro do campo da crítica literaria escribe artigos e recensións de libros en revistas como Fadamorgana, Viceversa, Etruria, Revista Independiente de literatura xuvenil, Peonza, Anuario de Estudos Galegos etc.
Desde 2004, desenvolve actividades artísticas e xerenciais en Sotelo Blanco Edicións e destaca a súa participación como xurado no Certame de Novela Curta Manuel Lueiro Rey desde hai varios anos.
Este xoves comezamos no taller de lectura co estudo da obra Carapuchiña en rose, de Ánxela Gracian, con ilustracións de Manel Cráneo, e as lectoras do taller levaron para a casa cadanseu exemplar e unha ficha de lectura deste. Trátase dunha versión do conto orixinal de Carapuchiña, moi amena pero tamén moi crítica, na que se fai alusión ao gran problema social da violencia de xénero.
O contacto directo coa autora espertou grande interese nas lectoras, o que supón un grande estímulo para elas e lles ofrece a oportunidade de descubrir o seu rostro, a súa voz, coñecer o seu pensamento e dialogar con ela sobre a súa obra.