Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación e a de NN TT e Documentación seguen coa súa programación de actividades durante o mes das Letras Galegas

Fecha: 2015-05-08

 

Mamá Cabra achegará ata a Praza do Corgo o seu novo espectáculo  15 primaveras

Continúan as actividades do programa Contamos contigo 

A Concellería de Educación e a concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio seguen coa súa programación de actividades tamén en maio para festexar este mes dedicado ás Letras Galegas.

As actividades xa programadas complétanse coa actuación de Mamá Cabra, subvencionada en parte polo Programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, e coa Feira do Libro en colaboración coa Asociación de Libreiros do Grove.

A cita terá lugar o sábado 16 de maio na praza do Corgo, diante da Casa do Concello. A Feira do Libro abrirase ás 17.00 h e, unha hora máis tarde, dará comezo o espectáculo 15 primaveras a cargo de Mamá Cabra.

Mamá Cabra é un grupo de música infantil en galego que mestura poesía, pezas do folclore e temas propios cun enfoque lúdico, participativo e didáctico. Con quince anos nos escenarios, leva varios traballos publicados e foi premio á mellor canción en galego no 2006 pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música. Neste 2015 celebra o seu 15 aniversario e farao por todo o alto.

Mamá Cabra presentará na praza do Corgo o seu novo espectáculo, acabado de estrear, no que fará un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións. Un espectáculo diferente cun formato de concerto-teatro no que se amosará unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda. Ao longo da función, grandes e pequenos cantarán e repasarán os temas máis coñecidos da decena de discos que suma xa esta formación.

Así mesmo, continúan as actividades do Programa Contamos Contigo:

O sábado 9 de maio a Axencia de Lectura de San Vicente acollerá o espectáculo O debuxante de soños contra a mala sorte, a cargo de Polo Correo do Vento. Un contacontos ilustrado e musicado que remata cun obradoiro de ilustración para os asistentes.

O mesmo sábado 9, os grovenses poderán gozar co espectáculo Vaia Banda, a cargo da Banda de Música do Grove e o grupo de percusión Odaiko.  O concerto, patrocinado pola Concellería de Educación do Grove e pola Deputación de Pontevedra, dará comezo ás 20.00 h na praza do Corgo.

O sábado 16, as 11.30 h, a Biblioteca Municipal do Grove será o escenario do espectáculo Contos en-cantados, a cargo de Magin Blanco, autor de libros de cancións infantís como "A nena e o grilo nun barquiño" ou "Gatuxo" e colaborador noutros como "María Fumaça" ou "Xiqui xoque, fiú fiú" .

Os asistentes a esta actividade poderán cantar e contar con Magín Blanco as historias das viaxes de A nena e o grilo, da locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña... e quen sabe se algunha outra sorpresa nos traerá este músico, que nos levará coas súas creacións a tantos lugares como queiramos. Esta actividade está subvencionada polo programa ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

Para os contacontos O debuxante de soños contra a mala sorte  e Contos en-cantados é necesaria inscrición previa na Rede de Bibliotecas do Grove.