Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

As concellerías de Educación e de NN TT e Documentación seguen coa súa programación de actividades durante o mes das Letras Galegas

Fecha: 2015-05-15

 

  • Magin Blanco estará na Biblioteca Municipal co seu espectáculo Libros en-cantados
  • Mamá Cabra achegará ata a Praza do Corgo o seu novo espectáculo  “15 primaveras”
  • Celébrase a Feira do Libro a cargo da Asociación de Libreiros do Grove

 

A Concellería de Educación e a Concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio seguen coa súa programación de actividades tamén en maio para festexar este mes dedicado ás Letras Galegas.

O sábado 16, as 11.30 h, a Biblioteca Municipal do Grove será o escenario do espectáculo Libros en-cantados a cargo de Magin Blanco, autor de libros de cancións infantís como A nena e o grilo nun barquiño ou Gatuxo e colaborador noutros como María Fumaça ou Xiqui xoque, fiú fiú.

Os asistentes a esta actividade poderán cantar e contar con Magín Blanco as historias das viaxes de A nena e o grilo, da locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña... e quen sabe se algunha outra sorpresa nos traerá este músico, que nos levará coas súas creacións a tantos lugares como queiramos. Esta actividade está subvencionada polo programa ler Conta Moito da Xunta de Galicia. É necesaria inscrición previa na Rede de Bibliotecas do Grove

As actividades xa programadas complétanse coa actuación de Mamá Cabra, subvencionada en parte polo Programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, e coa Feira do Libro en colaboración coa Asociación de Libreiros do Grove.

A cita terá lugar o sábado 16 de maio na praza do Corgo, diante da Casa do Concello. Ás 17:00 h  dará comezo a Feira do Libro a cargo da Asociación de libreiros en colaboración co Concello do Grove. Os asistentes poderán mercar libros de diferente temática e dirixidos a público de  diferentes idades con importantes descontos.

Ás 18:00 h dará comezo o espectáculo “15 primaveras” a cargo de Mamá Cabra. Mamá Cabra é un grupo de música infantil en galego que mestura poesía, pezas do folclore e temas propios cun enfoque lúdico, participativo e didáctico. Con quince anos nos escenarios, leva varios traballos publicados e foi premio á mellor canción en galego no 2006 pola “Academia de las Artes y las Ciencias de la Música”. Neste 2015 celebra o seu 15 aniversario e farao por todo o alto

Mamá Cabra presentará na praza do Corgo o seu novo espectáculo, acabado de estrear, no que fará un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións. Un espectáculo diferente cun formato de concerto-teatro no que se amosará unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda. Ao longo da función, grandes e pequenos cantarán e repasarán os temas máis coñecidos da decena de discos que suma xa esta formación.