Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove organiza unha nova edición da Escola de Verán co obxectivo de garantir a plena conciliación laboral e familiar

Fecha: 2015-05-20

  • Destinada a nenas e nenos nados entre 2011 e 2003
  • Como anos anteriores, vólvese a apostar por unha empresa local para a coordinación da actividade

 

O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, volve apostar este ano pola organización da Escola de Verán para garantir a plena conciliación das familias do concello durante os meses de xullo e de agosto. A través deste campamento, que se organiza nas instalacións do colexio Rosalía de Castro, os participantes gozarán das vacacións con xogos e actividades, ao mesmo tempo que se ofrece unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias. A Concellería de Educación volve a subvencionar a participación das persoas empadroadas no municipio, para quen mantén os prezos dos últimos catro anos.

 

Nos próximos días repartirase a información da Escola de Verán municipal entre o alumnado do Grove. A actividade desenvolverase de luns a venres en horario de mañá. Está destinada ao alumnado nado entre os anos 2003 e 2011. Como en anos anteriores, as nais e os pais terán dúas opcións de horario para elixir, así como entre quincenas ou mes completo. O horario normal no que se organizará a actividade é de 9.30 a 13.30 horas, e o horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. O prazo de matriculación abrirase o 1 de xuño e rematará o 12 dese mesmo mes. O trámite farase no segundo andar do edificio administrativo do Concello.

 

Nesta edición vólvese a apostar por unha empresa local para a coordinación da actividade. A Escola de Verán de 2015 leva por título “A volta ao mundo en barco”, e as protagonistas cada semana serán as diferentes cidades que se percorrerán nesa viaxe. A xornada completarase con actividades físicas, saídas, obradoiros, artes plásticas, xogos de coñecemento, audiovisuais…