Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A remodelación integral da Galiña Azul licitarase nas próximas semanas cun orzamento de case 400.000 euros

Fecha: 2015-05-21

O proxecto permitirá superar todas as patoloxías actuais e mellorar a funcionalidade do centro

O alcalde reuniuse coa ANPA e a dirección do centro para valorar as actuacións previstas

 

O Concello do Grove xa ten o proxecto de remodelación integral da Escola Infantil 0-3 anos A Galiña Azul, unhas obras que o Consorcio de Igualdade e Benestar licitará nas próximas semanas e que permitirán superar todas as patoloxías actuais do centro e gañar na súa funcionalidade. A remodelación conta cun orzamento de aproximadamente 400.000 euros.

 

O alcalde Miguel Ángel Pérez xa lles amosou o proxecto á ANPA e á dirección do centro. Móstrase “plenamente satisfeito”, xa que “estas obras supoñen que O Grove conte cunha escola infantil nova, con instalacións modernas e cómodas, da máxima calidade e coas mellores garantías para os máis pequenos”.  Asemade, a Concellería de Educación está colaborando co Consorcio de Igualdade e Benestar para ofrecer ás familias a mellor solución unha vez inicien as obras, que previsiblemente empezarán a executarse durante os meses de verán.

 

O proxecto garante todas as actuacións precisas para solucionar os actuais problemas de humidades do edificio, que se solucionarán coa substitución da cuberta, co revestimento exterior e coa mellora da pavimentación, illamento e solo radiante. 

 

Os tabiques interiores serán completamente novos para reorganizar as aulas e as áreas de servizos comúns, coas que ofrecer maior comodidade tanto para o alumnado e o persoal do centro como para as propias familias. Manteranse as cinco aulas existentes e gañarase un novo espazo de 67 metros cadrados para destinalo a usos múltiples e sala de psicomotricidade. Todas as aulas contarán con aseos e áreas auxiliares e de servizos, así como acceso directo ao xardín a través dun recibidor cuberto. Para os nenos menores dun ano, ademais da aula e da zona de hixiene, tamén se reserva unha zona de descanso independente. 

 

O acceso ao centro será pola mesma rúa que agora, e reservarase un vestíbulo para garantir a comodidade das familias e poder deixar alí os carros e as cadeiras de paseo do alumnado. Para garantir a total accesibilidade ao centro e eliminar as barreiras arquitectónicas, elevarase o nivel do xardín.