A Concellería de Educación abre o prazo de inscrición na Escola de Verán
Fecha: 2015-06-02
As persoas interesadas xa se poden anotar no Edificio Administrativo do concello ata o venres 12
Este programa permite conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos
A Concellería de Educación abre a inscrición na Escola de Verán municipal, que mantén a posibilidade de elixir horarios e temporalidade. Así, como xa se fixo o verán pasado, nesta ocasión os pais poden optar de novo por anotar aos rapaces por quincenas ou mes enteiro. Con esta opción mellóranse e auméntanse as solucións que desde a administración local se ofrecen para que as familias teñan garantida a conciliación dos horarios laborais co momento de lecer dos seus fillos. As inscricións xa se poden facer no edificio administrativo do Concello.
A Concellería de Educación volve a subvencionar esta actividade para os participantes empadroados no Concello do Grove, de tal forma que se manteñan os mesmos prezos dos últimos anos. A tarifa para os participantes do Grove por cada mes é 66 euros, mentres que no horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas, é de 100 euros. No que respecta ás quincenas, pagan 40 euros, e se a elección é o horario ampliado, a tarifa ascende a 55 euros.
As inscricións pódense realizar ata o venres 12 de xuño no segundo andar do edificio administrativo do Concello. As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada, pero terán prioridade os nenos empadroados no Concello do Grove e os que soliciten dous meses ante quen solicite só un mes de actividade ou quincena. Xunto coa folla de inscrición, débese entregar foto do neno, fotocopia do DNI do pai/nai ou titor, fotocopio do DNI do neno ou libro de familia, fotocopia da tarxeta sanitaria e comprobante de ingreso bancario.
A Escola de Verán organízase nas instalacións do colexio Rosalía de Castro, para poder ofrecer aos usuarios un espazo cómodo, céntrico e adaptado ás súas necesidades. A través deste campamento, os participantes gozarán das vacacións con xogos e actividades, e ofrecendo unha solución aos problemas de compatibilidade dos horarios das familias.
Nesta edición vólvese a apostar por unha empresa local para a coordinación da actividade. A Escola de Verán de 2015 leva por título “A volta ao mundo en barco”, e as protagonistas cada semana serán as diferentes cidades que se percorrerán nesa viaxe. A xornada completarase con actividades físicas, saídas, obradoiros, artes plásticas, xogos de coñecemento, audiovisuais…