A Policía Local do Grove realiza unha revisión das atraccións instaladas na Festa do Carme
Fecha: 2015-07-15
Por solicitude do alcalde, como concelleiro responsable de Seguridade, os efectivos da Policía Local do Grove iniciaron unha revisión dos certificados de seguridade e mantemento das distintas atraccións que están instaladas na praza do Corgo.
Na tarde de onte, os membros da Policía Local do Grove comezaron unha inspección durante a que lles solicitaron ás distintas atraccións de feira os certificados de seguros e de ITV dos vehículos e aparellos instalados no recinto da festa. Deste xeito preténdese garantir que a ampla oferta lúdica da que O Grove disporá nestes días de festa cumpra os requisitos legais e preste un servizo con garantías.
Desde o Concello do Grove considérase fundamental a realización deste tipo de inspeccións xa que supoñen que os usuarios poidan gozar das atraccións sen sobresaltos. A Policía realizou o requirimento de documentación de xeito inmediato. Deste xeito, no caso de que algunha das atraccións non cumprise cos requisitos establecidos, non podería prestar os seus servizos.
Segundo informa a propia Policía Local, a totalidade dos postos contaban con toda a documentación en regra, polo que, ao mediodía de hoxe, só quedaban pendentes dúas atraccións que se estaban aínda a montar e que terán que presentar as súas credencias de seguros e ITV en canto rematen este proceso.