Xoán Curiel, co seu espectáculo 'Estamos no verán!!!', achegará a música en galego á praza do Corgo este domingo
Fecha: 2015-07-22
Esta nova proposta musical, pensada para dinamizar o uso da lingua galega entre a rapazada de 7 a 12 anos, forma parte do programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, á que pertence o Concello meco. En caso de mal tempo, o concerto trasladarase á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
A Concellería de Cultura do Concello do Grove, a través do seu Servizo Normalización Lingüística (SNL), organiza o concerto Estamos no verán!!! o vindeiro domingo 26 de xullo, ás 20.00 h, na praza do Corgo (diante da Casa do Concello). Este espectáculo correrá a cargo do cantautor Xoán Curiel, xunto coa bailarina Marta Alonso e a banda Son de 2, que se encargarán de facer cantar, bailar e gozar a xente miúda e a toda a familia co obxectivo de potenciar a lingua galega tamén nas actividades de lecer.
Estamos no verán!!! está configurado a partir dunha novela-CD editada por Galaxia que conta e canta a historia e as aventuras dun grupo de amigas e amigos que un verán soña con formar un grupo de música en galego. O público poderá gozar con todo tipo de estilos musicais, desde rock a pop, pasando por funk, blues, reggae ou bossa nova.
A actuación no Grove este domingo vai ser a última deste espectáculo musical de dinamización lingüística a cargo de FalaRedes, así que quen aínda non tivo a ocasión de participar e mergullarse coas rapazas e os rapaces neste soño de verán non pode desaproveitala.