Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove lémbralle á veciñanza a necesidade de cumprir os horarios para botar o lixo nos colectores

Fecha: 2015-07-26

 

Nos últimos días téñense producido problemas pola acumulación de lixo en colectores en horarios fóra dos establecidos para o seu uso. Debe terse en conta que este problema vese agravado coas altas temperaturas dos últimos días.

 

O Concello do Grove lembra que o correcto cumprimento no horario establecido para botar o lixo evitaría os problemas de cheiros e acumulacións. Segundo as normas vixentes, durante os meses de verán, que abranguen desde xuño a setembro, pódense usar os colectores entre as 21.00 e as 23.00 horas. Fóra deses meses, o resto do ano o horario é de 20.00 a 23.00 horas.

 

O incumprimento destes horarios implica ampliar o número de horas nas que o lixo está exposto a altas temperaturas e supón que, a pesar de atoparse en colectores pechados, se poidan producir cheiros e incluso problemas de salubridade. Esta cuestión é fundamental no relativo aos residuos orgánicos, xa que no caso de colectores de plástico e cartón non existe este problema, non habendo, pois, límites de horarios para botar ese tipo de lixo.

 

Para reforzar esta información, a concellería responsable de limpeza renovará os carteis nos que se indican estes horarios e solicita a colaboración cidadá para tentar mellorar o servizo e contribuír á mellora da imaxe do Grove.