As rapazas e os rapaces da Escola de Verán visitan a biblioteca
Fecha: 2015-08-17
Dentro do programa de actividades da Escola de Verán acaban de iniciarse as visitas a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey coa finalidade de que os máis cativos coñezan este servizo.
Hoxe luns comezan as visitas que se prolongarán durante as vindeiras semanas. O persoal da biblioteca recibirá as nenss e os nenos da Escola de Verán do Concello do Grove, que poderán gozar nestas instalacións de sesións de contacontos e diversas actividades vencelladas aos libros e á lectura.
As rapazas e os rapaces realizarán estas visitas organizados por grupos de idade, de tal xeito que as visitas se adecúen ás necesidades específicas da súa etapa de formación. Deste xeito, a explicación do funcionamento do servizo realizarase a través de xogos e, posteriormente, o persoal de biblioteca realizará sesións de contacontos con títulos como Una montaña de amigos, de Kerstin Schoene; El huevo más bonito del mundo, de Helme Heine e Cuentos para jugar, de Gianni Rodari. Ademais, a rapazada terá tempo dispoñible para que, acompañada dos seus monitores, poidan gozar cos libros da sección infantil.
Maletas viaxeiras
Esta actividade é unha das moitas que a Rede de Bibliotecas do Grove está a desenvolver no período de verán. Así, durante estes meses as “Maletas viaxeiras” visitarán os campamentos cargadas con títulos de literatura infantil e xuvenil para que os monitores poidan manter o gusto pola lectura dos máis cativos tamén no verán.