Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Proxecto para revalorizar o Monte Central

Fecha: 2010-02-01

 

O concelleiro de Deportes reuniuse co secretario do Club de Atletismo Venturiña para presentarlle un proxecto de mellora do Monte Central da Toxa onde se contempla a posta en valor deste espazo para a práctica do deporte e o lecer da veciñanza. Así, comunicoulle o que se está a facer desde esta concellería para a potenciación do deporte na Toxa e convidou o club a achegar ideas sobre o trazado actual das devasas que serán utilizadas para a practica do deporte en xeral e do atletismo en particular.

 

Dentro do proxecto de potenciación e revalorización do Monte Central estase a facer un proxecto de limpeza e planificación contra os incendios. As pistas abríronse grazas á solicitude que fixo a Concellería de Deportes ante a Xunta de Galicia, onde se contempla a realización destas sendas para que sexan usadas por toda a cidadanía do Grove que queira gozar dun fermoso paseo ao aire libre entre os piñeiros centenarios. É importante sinalar que na mesma ruta de sendas-devasas se colocou mobiliario para delimitar os camiños e poranse uns paneis que falarán da historia da Toxa a través de varios personaxes que tiveron unha fonda relación coa illa: o marqués de Riestra, o Cego de Padrenda, Daniel Vázquez Gulías, Luis de la Riva…

 

Dentro doutro proxecto que está a elaborar a Concellería de Deporte e Limpeza, en colaboración coas concellerías de Medio Ambiente e de Xuventude, contémplase a elaboración dun obradoiro forestal para amañar e limpar todo o Monte Central, eliminar todas as plantas invasivas e repoboar o monte. Este proxecto, no caso de ser favorable, trasladaráselle á Consellería de Traballo para que determine a súa viabilidade.