As negociacións cos propietarios da Torre de Escuredo apraza a venda polo menos tres semanas
Fecha: 2015-08-31
O alcalde mantivo unha reunión de urxencia cos propietarios logo de que se anunciara a súa posta á venda.
O alcalde do Grove, Jose Cacabelos, reuniuse o pasado sábado cos propietarios da denominada Torre de Escuredo para abordar o convenio que se tiña proposto na súa etapa anterior á fronte do Concello. Naquel momento os donos da Torre estaban totalmente de acordo con esta posibilidade, que melloraría notablemente a imaxe desa rúa e, ademais, da entrada cara ao centro da vila.
A proposta na que se tiña traballado, tal e como se lle explicou á veciñanza, consistía nunha edificación integrada en diferentes alturas na medianeira do edificio de maior altura que está a carón desta propiedade; unha praza diante con acceso directo á beirarrúa e a reconstrución da casa na zona máis próxima á Fonte do Galo. Esta casa sería cedida ao Concello, ao igual que parte do aparcadoiro subterráneo, que contaría con parte das súas prazas para uso público.
O concelleiro Carlos Besada fora o encargado de xestionar esta proposta hai xa seis anos, e existía un claro consenso por parte dos propietarios e do Goberno local. Porén, no PXOM presentado o pasado ano este inmoble era situado nun SUNC, onde ademais de perder a edificabilidade favorecíase a construción dunha estrutura xa existente (situada na parte posterior) e que hoxe por hoxe é ilegal. Este feito provocou o descontento dos propietarios, quen ademais de poñela á venda, estudan emprender un contencioso para defenderen que esta propiedade sexa considerada chan urbano consolidado, co que se perdería totalmente para o pobo.
O acordo acadado onte pasa por poñer en suspenso a venda durante tres semanas para negociar a implementación do convenio sinalado no PXOM do Grove. Este feito coincide, ademais, co inicio do traballo nos borradores que en setembro se poñerán á disposición da veciñanza.