Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove pon en marcha un plan de acollida para os refuxiados de Siria

Fecha: 2015-09-09

Ademais de informar á FEMP e ao Goberno central sobre esta posibilidade, a partir do luns ponse en marcha o censo de recursos para esta acollida.

 

O equipo de goberno local comezou a semana pasada o deseño do plan de acollida para as familias que foxen da guerra civil en Siria. Ao igual que fixeron outros concellos, O Grove remitiu os correspondentes comunicados para formar parte das cidades ou vilas-refuxio que xa existen por todo o país.

 

Alén diso, o Concello quere poñer todo en marcha para garantir o bo funcionamento desa acollida. Para ese fin, a partir do vindeiro luns aquelas veciñas e veciños, empresas ou colectivos que queiran colaborar neste plan (como xa manifestaron no propio Concello) poderán presentar nos Servizos Sociais municipais un formulario, que lles será facilitado previamente, no que indiquen a súa dispoñibilidade. Deste xeito, o Concello agarda contar con vivendas ou aloxamentos que a veciñanza poida poñer á disposición desta xente durante algún período de tempo, así como con locais ou empresas que poidan facer pequenas doazóns para a súa manutención. De igual xeito, contarase cun voluntariado para o apoio educativo das e dos menores e o acompañamento das familias para axudalas con cuestións administrativas.

 

Paralelamente á elaboración deste censo de recursos do Concello, tamén se está traballando cos Servizos Sociais para valorar adecuadamente a xestión dos fondos propios, de tal xeito que se poida ter unha previsión clara para cubrir as necesidades xa existentes no Grove e que seguen a ser prioritarias e, a partir de aí, asumir novas necesidades que poidan xurdir nas familias en acollemento.

 

O Plan de Acollida, que conta coa colaboración de todas as concellerías, será dirixido pola Concellería de Servizos Sociais e a de Sanidade e, ademais destes primeiros pasos, tamén porá en marcha reunións con entidades sociais para coordinar e optimizar recursos.

 

FORMULARIO DE SOLICITUDE>