Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O 16 de setembro ábrese o prazo de inscrición nas actividades extraescolares organizadas pola Concellería de Educación

Fecha: 2015-09-15

 

Dirixidas a nenos e nenas de educación infantil e primaria

A actividade Coñecendo e gozando da biblioteca comezará en novembro

 

O Concello do Grove abrirá o mércores 16 de setembro o prazo de inscrición para as actividades extraescolares do curso 2015-2016, concretamente para as actividades de natación e Coñecendo e gozando da biblioteca.

 

As prazas son limitadas, polo que todas as persoas interesadas en participar en calquera delas poderanse inscribir na biblioteca municipal do Grove, ata completar as prazas dispoñibles, a partir do mércores 16 de setembro en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 h.

 

As clases de natación desenvolveranse na piscina de Cambados co obxectivo de que os nenos e nenas, ademais de aprender a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral  nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social. Organizaranse dous grupos, un os martes de 17.00 a 17.45 horas e outro os venres de 16.15 a 17.00 horas. Un autobús contratado polo Concello sairá desde O Grove para trasladar a rapazada ata a piscina.

 

A actividade Coñecendo e gozando da biblioteca, que comezará en novembro, está dirixida a rapazas e rapaces de educación infantil e primaria e terá lugar todos os venres na biblioteca municipal do Grove. Estes  talleres de animación á lectura pretenden espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outras nenas e nenos e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica facilitando o xogo. Quen participe atopará cada semana actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e traballos manuais de acordo coas súas idades.