O alumnado do Curso de dinamización e actividades de tempo libre do obradoiro de emprego Monte das Flores VI organiza unha tarde de actividades infantís e xuvenís para este venres
Fecha: 2015-09-24
Dentro das actividades que serven de prolegómenos á LII Festa do Marisco.
Levaranse a cabo actividades de lecer, totalmente de balde, que incluirán xogos populares, dinámicas de grupo, un obradoiro de disfraces, maquillaxe e photocall.
O vindeiro venres 25 de setembro, desde as 16.30 ata as 20.30 h, o alumnado do Curso de dinamización e actividades e tempo libre que está a ser impartido no Monte das Flores terá a ocasión de demostrar o que leva aprendido nas aulas ata o momento acudindo ata a carpa institucional instalada na praza do Corgo co gallo da LII Festa do Marisco para entreter a rapazada local e visitante que se queira achegar ata este espazo para pasar unha tarde diferente, divertida e, sen ningunha dúbida, en boa compañía.
O obradoiro de emprego Monte das Flores VI consta dun programa mixto de formación de emprego, público e de balde, promovido polo Concello do Grove e cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. O seu principal obxectivo é ocupar persoas desempregadas en actividades de utilidade pública ou de interese social, dándolles a oportunidade de melloraren a súa situación laboral. Nesta edición, estanse a impartir no Monte das Flores dous cursos, un de confección publicación de páxinas web e estoutro de dinamización e actividades de tempo libre, ambos sectores con demanda de emprego na actualidade.
Cómpre salientar, ademais, a implicación das alumnas e dos alumnos deste último curso, que mesmo se demostra no agarimo que puxeron na elaboración do cartel que confeccionaron ex profeso para promover o evento.