Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Yayo Daporta será o pregoeiro do LII Festa do Marisco do Grove

Fecha: 2015-10-02

 

 

O cociñeiro cambadés cunha Estrella Michelin será o padriño da festa gastronómica máis importante de España e reivindicará a importancia do marisco tanto na cociña tradicional como na nova cociña.

 

Mañá sábado, ás 13.00 horas, Yayo Daporta será o encargado de ler o pregón da Festa do Marisco do ano 2015. O acto, que terá lugar na Carpa de degustación e servirá para reivindicar a importancia da Festa do Marisco no panorama gastronómico nacional e internacional. Deste xeito, Yayo Daporta  —vencellado ao Grove dun xeito directo por ser a súa nai meca e pasar nesta vila moito tempo durante a súa infancia— supón unha referencia fundamental no relativo á gran puxanza da cociña galega.

 

Yayo Daporta formouse na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e comezou a traballar como cociñeiro aos 27 anos. Logo de estar en restaurantes de recoñecido prestixio como Casa Solla, Daporta amosou o seu interese pola cociña creativa e de vangarda e, tras pasar por outros restaurantes como Alejandro (Almería) e Amparo (Madrid), inaugurou o seu propio establecemento en Cambados. Tres anos despois (con 33), conseguía unha estrela Michelin, que mantén ata hoxe, ademais de contar cun Sol da Guía Repsol. 

 

Segundo os coñecedores da materia, a cociña de Yayo Daporta podería definirse como “cociña tradicional galega con carácter propio”, o que marca un paralelismo claro co modelo da Festa do Marisco do Grove, na que durante 12 días se combinarán os produtos de maior calidade coa innovación e a nova cociña. 

 

Día de Portugal

As eleccións parlamentarias portuguesas que se celebran este domingo 4 de outubro teñen condicionado a celebración do Día de Portugal deste ano. Os membros das cámaras e as autoridades políticas en xeral atópanse concentrados no que será o último día da campaña electoral e veñen de declinar a posible asistencia á recepción institucional prevista para hoxe venres. A pesar de non estar presentes nesa recepción, Portugal seguirá mantendo a presenza na Festa do Marisco, como xa quedou patente na presentación internacional da Festa realizada na cidade de Lisboa e que contou cunha exitosa acollida, ademais, este venres 2 de outubro estará dedicado á gran cantidade de portugueses que nos visitan.