Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Publicadas as bases para a licitación de postos no Mercado Municipal do Grove

Fecha: 2015-10-19

O Boletín Oficial da Provincia do pasado venres, 16 de outubro, dá conta do procedemento para adxudicar diversos postos de venda no mercado.

 

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra deu conta o pasado venres do proceso de licitación de casetas e bancadas vacantes no mercado municipal. Trátase de adxudicacións en réxime de concesión por períodos de dez anos prorrogables ata cincuenta, sendo o único criterio de adxudicación o prezo á alza. Deste xeito, aquelas persoas interesadas en concorrer para obter un destes postos poderán solicitar a documentación nas dependencias municipais (edificio administrativo) e deberán facer unha poxa sobre os estes que parte duns mínimos de 125 euros por metro cadrado no caso do posto fixo ou caseta e de 250 euros por bancada. 

 

Dun xeito máis concreto, trátase dunha caseta destinada a calquera actividade compatible co mercado de abastos, agás venda de peixes e mariscos, e outras tres destinadas á venda de carnes, peixes, mariscos ou actividades compatibles. Ademais destes postos pechados, tamén se poñen á disposición once bancadas, tres delas destinadas especificamente á venda de verduras e catro á venda de peixe, quedando as outras catro dispoñibles para calquera outra actividade compatible. 

 

Melloras no mercado

A publicación destas bases responde á propia solicitude das vendedoras e vendedores do mercado, que inciden en que a dinamización deste pasa pola total ocupación dos postos ao tempo que será necesario diversificar a oferta. Ademais da licitación dos postos, tamén serán acometidas outras melloras e hoxe luns comezarán as obras de reforma eléctrica que, entre outras cousas, suporá a instalación de iluminación led, tamén se rematarán os peches das bancadas que estaban pendentes. Nas próxima semanas, ademais, organizaranse cursos de formación para os vendedores e vendedoras. 

 

Documentación da convocatoria>