Celebrada a primeira reunión de traballo do PXOM
Fecha: 2015-11-18
Na tarde de onte foron convocados os voceiros da oposición para presentar os primeiros borradores de traballo, centrados en plasmar o presentado nas alegacións da veciñanza.
Segundo o proposto polo equipo de goberno nas reunións veciñais, tanto da campaña electoral como nas mantidas durante estes primeiros meses, este martes comezou a rolda de reunións e contactos para a elaboración do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Recollendo a petición das veciñas e veciños, desde a chegada ao goberno traballouse para poder acadar un borrador que comezará a ser debatido a partir de hoxe mesmo.
O procedemento marcado para o traballo realizado supón elaborar unha reformulación total do documento aprobado inicialmente para facelo viable urbanisticamente e para a súa aprobación, pero sempre desde a perspectiva da opinión da veciñanza. Deste xeito, revisáronse as 4.002 alegacións presentadas e clasificáronse en función das áreas ás que se referían. A seguir, tomouse como referencia o documento aprobado inicialmente e aplicáronse os cambios propostos polas veciñas e polos veciños nas súas alegacións, o que deu lugar a novos planos.
Na reunión de voceiros mantida onte expuxéronse os planos resultantes en oito zonas concretas dos núcleos de expansión urbana. Dentro delas o traballo centrouse nas vías e rotondas, onde a veciñanza solicitou (nas súas alegacións) maioritariamente a súa redución ou eliminación. Os membros da oposición puideron realizar preguntas sobre os planos resultantes nunha reunión que tivo carácter exclusivamente técnico.
De acordo co compromiso establecido coa veciñanza, logo de informar aos grupos políticos, nos próximos días organizarase a correspondente reunión aberta para poñer á disposición do público estes primeiros borradores.
Núcleos costeiros
Na reunión tamén se informou aos membros da oposición de que o Concello deu instrucións para presentar un contencioso administrativo contra a resolución que derrogou o recoñecemento da totalidade nos núcleos costeiros propostos para O Grove. Trátase dun proceso complexo, pero vanse tentar esgotar todas as vías para contar cunha resolución positiva.