Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Festival de Comparsas do Grove

Fecha: 2010-02-09

O sábado 13, ás nove da noite, comezará o disputado Festival de Comparsas do Grove deste ano.  

 

As ausencias de Comparsas tradicionais como A Baiúca; As Cantareiras ou Os Firrás, veranse compensadas pola presenza de tres candidatas a premio da comarca do Salnés: Os Golfiños, de Vilanova de Arousa; A Maraghota e Media, de Vilaxoán; e Harmonía, da Illa de Arousa.  

 

A estas tres comparsas sumaranse cinco locais: As do 806, dirixida por Óscar Fraga, Birbiricho; Os Ultra Sur, con Manolo Vidal á fronte; Os Garoulos de Gonzalo Domínguez, o Barbeiro; As Plus, de Helena Chaves; e Os Güeros, de Iago González.

 

A organización desestimou a candidatura doutras comparsas de moita calidade como As Estrelas da Noite, de Tomiño; Nin Chica de Ghasto, de Moaña; As Rumorosas, da Illa; ou As Pementeiras de Ourense, por diferentes motivos, entre os que foi determinante a prevista retransmisión abreviada do Festival que a Televisión de Galicia vai facer na noite do martes de Entroido, e que obriga a limitar o número de participantes.  

 

O concelleiro de Cultura, Antón Mascato, organizador deste Festival, asegurou que “todas as Comparsas grovenses a concurso veñen moi reforzadas este ano, sobre todo na presenza e utilización de instrumentos. Hai músicos de grande calidade en varias delas e hai letras desas que non deixan nada atrás... polo que, ata onde eu sei, e por moito que se diga nos foros, vai haber moita competencia. A bandeira deste ano non é cousa dunha ou dúas, como pensan algúns... Hai cinco do Grove que compiten con moi bos equipos, e as de fóra tamén xogan este partido, en campo alleo, pero vano xogar... Creo que imos ter un moi bo Festival”.    

 

A gravación televisiva obrigou a realizar algúns cambios na organización, que procuran dar máis axilidade nas actuacións, para o que as comparsas prescinden das súa propia bancada, toldo e escenario, que pasa a ser único para todas elas, sendo libre a representación para realizaren nese escenario.    

 

As entradas, que poden adquirirse anticipadamente na Librería Besada, ao prezo de seis euros, inclúen un bono para retirar (en abril) o dobre CD editado con motivo do Festival de Comparsas deste ano. A sexta comparsa meca, Os Groveiros, de Carlos Otero, tampouco pode participar no Festival, por razóns laborais dos principais dirixentes desta agrupación, que conta con varios músicos profesionais entre os seus membros. Aínda así, sairán polas rúas e bares, e estarán na Casa da Cultura, o sábado 20, para gravar o disco.  

 

Sábado 13, Festival de Comparsas  

20.00 h. Concentración das Comparsas, na Praza do Corgo  

20.30 h. Saída do desfile das Comparsas desde O Corgo ata o pavillón  

21.00 h. Comezo do Festival no pavillón de deportes (gravado por Televisión)    

 

O Xurado  

O xurado estará composto por nove persoas que valorarán os seguintes aspectos das actuacións:  

Interpretación: a música, o canto e a posta en escena. Serán tres persoas de fóra do Grove.  

Vestiario: a súa realización manual, a súa orixinalidade e vistosidade, o mesmo que as maquillaxes e complementos. Serán tres persoas de fóra do Grove.  

Crítica: a letra, a finura do aguillón e a súa capacidade de arrear estopa. Serán tres persoas do Grove, representando a tres entidades sociais.  

 

Cada bloque de xurado terá unha presidencia, que desempataría, en caso de producirse un empate.  

 

Os Premios  

Os premios quedan establecidos do xeito seguinte:                  

Primeiro: Bandeira do Concello, 1100 euros e diploma                  

Segundo: 1000 euros e diploma                   

Terceiro: 900 euros e diploma                  

Resto de participantes: 400 euros e diploma