O Concello do Grove pon en marcha traballos de mantemento e limpeza da praza do Corgo
Fecha: 2015-11-24
Trátase de accións urxentes debido ao mal estado en que se atopa un dos lugares máis emblemáticos do Grove.
Dentro do amplo plan de mantemento de espazos públicos posto en marcha polo Concello do Grove, nestes días fíxose un especial fincapé na praza da Corgo. Deste xeito, ademais de mellorar a iluminación do parque infantil, púxose en marcha unha reforma para retirar os muros de pedra da zona posterior da Casa do Concello, o que redundará en que a zona conte cunha maior limpeza.
Os traballos emprendidos nunha das zonas de maior uso do Grove complétanse cun plan de reparación de fochas para amañar o firme, tanto na zona do aparcadoiro anexa á oficina de turismo, como nas vías contiguas, ademais da zona de en fronte da Casa do Concello. Nesta liña de traballo tamén se comezou a poda de árbores e a mellora das zonas verdes e incluso se puxo en marcha o cambio do tellado do edificio do xulgado de paz, que se atopaba en pésimas condicións.
Todos estes traballos parten dunha máxima fundamental: a recuperación dos espazos públicos para a veciñanza do Grove, e inciden na importancia destes para a vida social da nosa vila. Esta idea queda clara na reparación dos bancos e zonas de encontro da cidadanía. Debe terse en conta, ademais, que todas estas actuacións foron realizadas con persoal propio do Concello do Grove grazas ás contratacións ampliadas pola Deputación de Pontevedra.