O Concello do Grove anima os afeccionados á cociña a participaren no concurso ‘Picoteo de Centola’
Fecha: 2015-12-02
O concurso terá lugar o sábado, día 5 ás 18.30 horas na Casa do Concello do Grove e pretende congregar veciñanza e visitantes que queiran demostrar os seus dotes culinarios.
Dentro do programa de actividades das XIII Xornadas da Centola, e buscando darlle unha maior diversidade ás formas de preparación deste crustáceo, convocouse un concurso de cociña creativo aberto a todas as persoas interesadas. Trátase dun evento en que as e os participantes deberán presentar unha proposta de “picoteo” elaborada con centola do Grove e servida en frío.
O xurado, que estará composto por profesionais do sector, elixirá o mellor “picoteo”, que será galardoado con 150 euros. O acto será aberto para que o público poida ver as presentacións que as cociñeiras e os cociñeiros presentan.