O Concello do Grove lémbralles aos usuarios que contan con asesoramento para as reclamacións polo apagamento
Fecha: 2016-01-05
A Oficina Municipal de Consumo (OMIC) leva desde o luns tramitando solicitudes de usuarios no relativo aos danos ou perdas provocados polo corte de luz do primeiro de ano.
O Concello do Grove informa de que aqueles particulares que o precisen poden dirixirse á OMIC (no edificio administrativo, en horario de atención ao público) para contar con asesoramento e axuda nas súas reclamacións polos problemas que o apagamento do 1 de xaneiro lles puido provocar. Desde esta oficina indican que o aconsellable é comezar coa reclamación aos seguros de vivenda, naqueles casos nos que se dispoña deles. Cando non se dispoña destes ou non se fagan cargo, a OMIC poderá asesorar sobre os pasos que se deben seguir para realizar a reclamación.
Reclamacións de hostalería e comercio
Ademais das reclamacións particulares, o Concello do Grove manterá unha reunión coas asociacións empresariais do concello para recoller información sobre os problemas provocados polo corte de luz. O vindeiro venres o alcalde do Grove manterá unha reunión co delegado territorial da Xunta de Galicia, Cores Tourís, con técnicos da Consellería de Industria e cos responsables da empresa subministradora, Unión Fenosa, xunto cos alcaldes dos outros concellos afectados.
Nesa reunión esixirase que a empresa subministradora se faga cargo da gravidade dos problemas que se están xerando con estes cortes recorrentes en zonas de importancia turística coma O Grove, polo que é preciso propoñer algún sistema de garantía que evite estas situacións.
Ademais disto, de cara a este encontro, os servizos municipais están realizando os correspondentes informes para estimar as incidencias que o apagamento tivo nos recursos públicos (avarías ou estragos de equipos eléctricos).