O Concello inicia as obras de dotación de aseos accesibles no Espazo Museístico de Moreiras
Fecha: 2016-01-27
As obras permitirán contar con aseos no edificio anexo á nave principal.
Logo de diversas negociacións coa Deputación de Pontevedra para poder aproveitar os fondos que inicialmente estaban destinados á obra da Casa do Mariñeiro, que non puido realizarse por mor da falta de permisos de Patrimonio, finalmente puideron adxudicarse as obras que permitirán dotar o Espazo Museístico da Pesca e da Salga de Moreiras duns aseos accesibles.
A obra comezará nos vindeiros días e consiste na construción deses aseos no interior da pequena nave que se encontra ao lado do acceso ao edificio principal e que, ata agora, tiña uso de taller. As obras permitirán amañar ese espazo cambiando as fiestras, para un mellor illamento, e corrixindo aqueles aspectos que impidan un correcto movemento das persoas visitantes nesta zona. Unha vez rematada, poderán eliminarse os aseos que se estaban empregando ata agora (situados nunha construción provisional de madeira) que non cumprían cos requisitos axeitados de accesibilidade.